martes, decembro 01, 2009

Kick Ass 1



Kick Ass (Marvel, 2008) pode interpretarse como a enésima revisión en clave realista do imaxinario superheroico ou precisamente como o contrario, a tematización definitiva do xénero. Aínda que Mark Millar concede un protagonismo pouco disimulado á contemporaneidade a través das súas iconas tecnolóxicas máis representativas (YouTube, Facebook), a realidade funciona apenas como contrapunto para os que serían os referentes fundamentais da historia, os lugares comúns das ficcións protagonizadas por superheroes: orixe, identidade secreta, uniforme, patrullaxe enmascarada…

Millar parece ter claro cal vai ser a orentación da cabeceira, mais o seu desenvolvemento peca de irregular e desleixado. A estruturación da trama é pouco menos que desastrosa, cando menos valorada no seu formato de publicación orixinal, o comic-book. A historia parte dun flashback eterno, que se esquece axiña (á altura do sexto capítulo nin se lle puxo fin, nin se lembrou unha soa vez a condición retrospectiva da narración) e cuxa única e innecesaria función semella ser a dar soporte a unha primeira persoa narrativa que fala en pasado. A indefinición inicial, cuns primeiros capítulos repetitivos e escasos en contido, lastra o decurso dunha historia que atopa en pequenos detalles (algunhas referencias, algúns diálogos) os seus maiores acertos. Millar recurre outra volta a un certo tremendismo lúdico, que se materializa en escenas de violencia extrema e cuxo expoñente máis evidente é o personaxe de Hit Girl. A representación dunha cativa impúber decapitando gangsters con expresión indiferente ou sendo tiroteada polo seu pai como adestramento parece responder á intención recurrente en Millar de provocar a quen se deixe pola vía máis doada, relegando a un segundo plano o discurso máis sutil, que o hai (na caracterización da meniña e o seu pai como rednecks ou nalgúns dos seus diálogos, por exemplo). John Romita recurre con demasiada frecuencia a viñetas de grande tamaño, o que semella evidenciar a falta de sustancia dalgúns capítulos a que aludiamos antes. Ademáis, o veterano Tom Palmer non aporta o labor de limpeza e concreción coa tinta que adoita favorecer ao seu debuxo.

Como sabemos, hai película en avanzado estado de xestación. Todo un sinal dos tempos: as engranaxes da maquinaria cinematográfica traballan implacablemente e con case total independencia respecto do referente orixinal; mentres, os lectores non tivemos aínda acceso ao que sería o primeiro arco argumental completo. Porén, neste caso a pantalla cinematográfica semella ser o destino natural da historia. Non só porque a revisión do xénero superheroico que Millar leva acabo incorpora tamén as aportacións do audiovisual (velaí eses superheroes que poñen banda sonora de Danny Elfman á súa vixiancia), senón tamén porque é na imaxe real onde se percibe como ridículo, estraño ou desviado o que en papel se xustifica de seu: que un tipo se poña un pixama e saia á rúa a facer xustiza.

Entradas relacionadas – Mark Millar
Authority Vol.2
Guerra Civil

Entradas relacionadas – John Romita
World War Hulk

Ningún comentario: