domingo, maio 18, 2008

O almanaque do meu pai



As obras que xogan decididamente a carta das emocións plantexan dous tipos de problemas. Por unha banda, o autor debe atopar un difícil equilibrio que o alonxe da afectación e o sentimentalismo barato. Por outra, o lector corre o risco de confundir o valor da obra co dos sentimentos ós que esta apela. O almanaque do meu pai (Planeta, 2001) de Jiro Taniguchi posúe a inestimable virtude de conxurar estes dous problemas.

Taniguchi narra a historia do fillo que regresa á súa vila natal para redescubrir a figura do pai morto. O pasamento do pai pon punto e final á cadea de autoenganos coa que o fillo se mantivo arredado da súa orixe e obrígao a recoñecer á figura paterna a través da ollada dos outros. Ese cruce de perspectivas non só lle amosa facetas do finado ata entón descoñecidas, senón que lle reflicte unha imaxe de si mesmo que o obriga a reconsiderar a súa propria traxectoria. Hai, xa que logo, unha viaxe emocional espléndidamente desenvolvida por Taniguchi, rica en matices, fondamente humana e, sobre todo, desprovista de calquera artificiosidade sensibleira.

Coido que non pode entenderse unha obra como esta, na que os espazos son tan importantes, sen o inmenso talento gráfico do autor nipón e o seu especial talento á hora de crear ambientes. Noutras obras a construcción dos entornos semella ser, no mellor dos casos, un problema ó que dar solución para poder acometer a narración. Pola contra, Taniguchi entreténse na recreción dun espazo repleto de valor simbólico, a barbería do pai, territorio de infancia que acada unha sustantividade non menor que a do conxunto da vila natal, funcionando ambos coma recipientes que conteñen as claves da traxectoria vital do protagonista.

O almanaque do meu pai é, en definitiva, unha pequena alfaia que destila autenticidade dende a primeira ata a derradeira páxina.

Entradas relacionadas
Seton: “Lobo” o rei

3 comentários:

Ghanito disse...

Esta foi a primeira obra que lin de Taniguchi. Aquí empezou a miña admiración.

Ollo de Vidro disse...

Como podes observar, é a miña segunda achega a este autor. Deixoume fascinado.

Non son lector de manga e, por distintos motivos, obrigueime a abrir un pouco o espectro. Empezar por Taniguchi foi un acerto.

Ollo de Vidro disse...

...e outra volta, parabéns!