terça-feira, março 22, 2011

A Cousa do Pantano 1



Alan Moore non sempre foi o escritor recoñecido pola crítica e adorado polo público que é hoxe. Parte do interese da súa etapa en A Cousa do Pantano, o seu primeiro traballo para a industria americana, reside en averiguar canto había do Moore que hoxe coñecemos naquel guionista que chegaba a DC cómics avalado pola súa traxectoria nalgunhas das cabeceiras máis significadas do cómic británico.

Tras a lectura deste primeiro tomo (Planeta, 2010), chama a atención a acusada personalidade dun guionista que, sendo un novato na compañía e un recén chegado á cabeceira, adopta coma primeira decisión (e consegue que o editor a acepte) a de mudar a orixe do personaxe protagonista. Se cadra tivo carta branca por tratarse dunha serie menor, mais talvez puido ser tamén porque, como se demostraría, o paso de home-pranta a pranta-home non só non borraba nin perxudicaba a traxectoria previa da serie, senón que ademáis abría un abano de posibilidades que o propio Moore exploraría de aí en adiante. Iso sen esquecer a magnífica factura de "Lección de anatomía", o relato no que se introducía o cambio, un clásico instantáneo que conxuga o respeto pola tradición do relato terrorífico coa pulsión renovadora que traería o autor de Watchmen.

Nos dezaséis capítulos que compoñen este primeiro volume atopamos algúns dos que posteriormente se consolidarían coma lugares comúns da obra do de Northampton: densas cosmogonías, viaxes psicodélicas, experimentación formal, revisión de tópicos de xénero... Moore mantén algúns dos elementos, principalmente formais, que durante anos presidiran a serie e a caracterizaran como vehículo para narracións de terror. Pero de igual xeito que John Totleben e Stephen Bissette representan unha caste de versión actualizada dos grandes debuxantes do xénero terrorífico (entre eles, Berni Wrighston, creador gráfico do personaxe), Moore actualiza o ton da cabeceira outorgándolle unha voz distinta, máis próxima ao relato fantástico. A aparición doutros personaxes da compañía evidencia a condición marxinal desta cabeceira. No capítulo 24 ("Raíces") aparecen os superheroes da Liga da Xustiza, pero a súa interacción coa criatura do pantano é mínima; xusto o contrario do que acontece cos personaxes místicos do universo DC que aparecen noutros capítulos (o Demo Etrigan, a Pantasma Errante, o Espectro) e atopan un entorno máis axeitado que o das clásicas mitoloxías superheroicas.

Capítulo a capítulo, Moore expreme ao máximo as posibilidades do formato comic-book, con números autoconclusivos (brillante a homenaxe ao Pogo de Walt Kelly no capítulo 32, "Pog"; magnífica a viaxe psicodélico-sexual entre muller e pranta do capítulo 34, "O rito da primaveira") ou ciclos de dous episodios que, case inadvertidamente, reorientan unha cabeceira cuxas coordenadas orixinais esvaeceran co tempo. Onde outros atoparían límites, Alan Moore foi quen de ver oportunidades. Velaí unha boa definición do seu talento.

Entradas relacionadas
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4
Promethea 5
The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1910
Tom Strong 2
Tom Strong 3
Tomorrow Stories 2
Tomorrow Stories 3
Top 10
Top 10: The Forty Niners
Terra Obscura 1
Terra Obscura 2
Lost Girls
O día do xuízo
Watchmen
WildC.A.T.S.
Wild Worlds

5 comentários:

Octavio B. (señor punch) disse...

personalmente volver a leer estas historias, que había conocido en edición de Zinco, de modo que leí 1º la historia de Arcanee, y los primeros números, como muchos años más tarde (creo qeu tras lo de Arcane siguieron con la serie, la saga American gothic, luego la epopeya cósmica... y después, como que dijeros, "completemos la serie con los primeros episodios inéditos) Eso sí, antes de la saga de Arcane, lo 1º 1º fue el capítulo "lección de anatomía"...
vamos, un desaguisao...
por eso la relectura ha sido un verdadero redescubrimiento, y este primer tomo me parece deslumbrante, leido con orden y concierto. Mucho más que en su día, vamos...

Ollo de Vidro disse...

Falo de memoria, pero coido que Zinco publicou orixinalmente "Lección de anatomía" na revista Dossier Negro.

(Matiz: Ahh, internet):

http://www.tebeosfera.com/obras/numeros/dossier_negro_zinco_1987_207.html

E lembro que xa daquela a propia checklist que Zinco incluía no final dos seus cómics destacaba ese episodio concreto.

Eu non seguín a serie daquela, nin na súa propia cabeceira. Lin, iso si, varios dos tomos que reeditou Norma hai uns anos, en branco e negro, iso si.

E concordo, unha auténtica redescuberta, tamén para min. Unha obra digna de apreciar en boas condicións (unha cronoloxía correcta, unha edición coidada...).

Octavio B. (señor punch) disse...

matiz ao matiz: ahh, tebeosfera: marabilla...
é certo, non lembrara o dato do dossier negro. eu non lera alí, pero sí sabía que se publicara nela (penso que nun artigo da cole o dirían, no seu día...)

Octavio B. (señor punch) disse...

ah, os tomos Norma, en, ejem, 'glorioso' branco en negro... menudo disparate...

Ollo de Vidro disse...

Ímprobo, o labor de Tebeosfera. E o das cores da edición de Norma, un erro flagrante, e para comprobalo abonda con comparar aquela edición con esta.