Unha das primeiras consecuencias de que Marvel comezara a elaborar, hai uns anos, os seus comic-books pensando na súa posterior reedición en formato de tomo foi a eliminación dos elementos formais proprios da secuenciación episódica, algúns deles absolutamente consolidados como marcas distintivas "da casa" e, por extensión, do formato: as viñetas que relataban o acontecido en números previos ou a inclusión nas primeiras páxinas dunha splash co título do capítulo e a identificación dos autores, por exemplo. Coma se dunha sorprendente mala conciencia se tratara, Marvel pretendía que a publicación previa por entregas resultase invisible para quen se achegase ao texto nunha lectura unitaria posterior. Vén todo isto a conto porque obras como Burato negro (La Cúpula, 2010) de Charles Burns son a demostración palpable de que non hai contradición algunha entre a unicidade dun relato e a súa secuenciación en capítulos.
Charles Burns publicou entre 1995 e 2005 as doce entregas que compoñen o que probablemente sexa, ata a data, o seu traballo máis coñecido, Burato negro. A posterior edición unitaria da obra non borra o rastro da súa secuenciación, senón que a mantén intacta, o que non perxudica en absoluto a lectura conxunta. Pola contra, o marcado carácter episódico do texto únese á alternancia de protagonistas, a polifonía de voces e mesmo as variacións no grafismo, conformando un texto complexo pero integrado e coherente, rexido por un pulso narrativo constante que Burns foi quen de manter malia ter prolongado durante máis de dez anos a elaboración da obra.
Burns consegue que a súa visión mórbida e doente da sexualidade adolescente resulte perturbadora, mais dun xeito sutil, en boa medida grazas a un debuxo que superpón o feísmo proprio do underground norteamericano a un imaxinario moito máis amable, o da ilustración publicitaria dos anos 50. O autor retrata un mundo sen adultos, unha antiutopía xuvenil na que a praga que contamina a sexualidade dos mozos substitúe a unha autoridade paterna tan ausente coma os seus titulares. O ton onírico e un final aberto impiden que o relato caia nun nihilismo excesivo.
La Cúpula acaba de poñer no mercado a cuarta edición da obra na súa versión en tomo, aspecto especialmente salientable se consideramos que xa a publicara previamente por entregas. Que un traballo de autor tan sólido e de características tan aparentemente afastadas do cómic maioritario demostre ter unha vida comercial tan longa permite derrubar algúns tópicos sobre o comportamento dos lectores, dato que debería interesar ás editoriais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario