xoves, marzo 10, 2011

Astonishing X-Men: Imparable



Joss Whedon tentou en Astonishing X-Men manterse fiel á traxectoria da franquicia mutante, mais fíxoo preferindo a caracterización á mención de acontecementos previos, o que lle permitiu presentar ao lector neófito unha serie de argumentos limpos de referencias históricas ao tempo que ofrecía aos afeccionados de toda a vida un catálogo de personaxes perfectamente definidos. Probablemente ese foi o seu grande acerto á fronte da cabeceira, o de ser quen de conxugar dúas tendencias aparentemente contraditorias e satisfacer a lectores de perfís ben diferenciados. Alén diso, Whedon contou cos sempre espectaculares lapis dun John Cassaday que invertiu na caracterización física dos protagonistas todo o que aforrou en narrativa e composición.

Imparable (Panini, 2011) confirma outra característica destes X-Men de Whedon: o paso ao primeiro plano de personaxes tradicionalmente secundarios e a conseguinte postergación dos que adoitaban ser protagonistas. O argumento céntrase en Kitty Pryde e Coloso, recuperando unha dialéctica entre ambos personaxes inédita dende a lonxana etapa Claremont-Smith. O escritor e director nunca agochou a súa preferencia pola mutante intanxible, nin a influenza que exerceu sobre as súas proprias creacións, polo que a ninguén debe estrañar o épico tratamento que lle depara nesta aventura. O resto de personaxes interactúan tamén por parellas e con elementos emocionais como principio reitor, Cíclope e Emma Frost, a Besta e a axente Brand e Lobezno, de novo nun sorprendente último plano, a reformular con Armadura a relación sensei-sidekick que xa tivera con Xúbilo.

Lonxe de marcar un antes e un despois no medio ou mesmo na franquicia, a etapa de Whedon cobra sentido coma solución posibilística, a demostración de que se poden recuperar as esencias de períodos pasados sen renunciar á simplicidade propria da aventura superheroica, a reivindicación da forza dalgúns personaxes secundarios e do saudable que pode resultar a inversión dos papeis tradicionalmente reservados a cadaquén, a constatación, en definitiva, de que aínda resulta posible prolongar os interminables ciclos dos heroes en pixama mantendo niveis de calidade máis que aceptables.

Entradas relacionadas
Astonishing X-Men: O don
Astonishing X-Men: Perigoso
Astonishing X-Men: Esgazada

Ningún comentario: