martes, xullo 28, 2009

Astonishing X-Men: O don



Os Astonishing X-Men de Joss Whedon e John Cassaday poden considerarse expresión dunha certa contemporaneidade no que ao tebeo superheroico atinxe. É certo que o escritor plantexa xa no limiar da obra a súa débeda coa versión máis clásica do equipo mutante, con mencións explícitas ás etapas de Chris Claremont con John Byrne e Paul Smith, mais tanto o seu xeito de facer coma o de Cassaday adoptan as formas predominantes hoxe no mainstream norteamericano.

A contratación por Marvel do creador de Buffy para dar a súa versión dos X-Men supuxo un evidente golpe de efecto que a compañía quixo fornecer cun debuxante de primera liña. De aí que lle desen todo tipo de facilidades a un John Cassaday moi considerado artísticamente dende que acadara sona con Planetary, mais pouco fiable nos prazos de entrega. A comparación entre o antes e o agora do debuxante norteamericano amosa unha evolución cando menos cuestionable. Todos os seus esforzos parecen hoxe concentrados na caracterización de personaxes, a diferenciación anatómica e a expresividade facial, aspectos que manexa con solvencia. Porén, a narrativa e o deseño de espazos amosan a un Cassaday apático, que repite coma un solo de tambor un esquema de páxina máis propio dun storyboard que dun cómic e que, sen a eficacia da colorista Laura Martin, carecería por completo de profundidade. Boa mostra da deixadez deste “novo” Cassaday son as súas portadas, deseños tan elementais que, pretendendo ser síntese de algo máis complexo, deixan tras de si a sospeita de que o rei está espido.

Algo semellante pode dicirse dun Whedon centrado no tratamento duns personaxes que recuncan na súa caracterización máis clásica, con Kitty Pryde, a inspiración confesa da súa Buffy, como vehículo da narración. Algo debeu de mudar na poética superheroica cando o miolo da cuestión non é o como se adquiren e exercen os superpoderes senón o por que se adopta o rol de superheroe en pixama. O cuestionamento que partiu de Watchmen e se espallou polas marxes do xénero (Wanted, Powers, Supreme, Kick-Ass…) alcanzou xa o cerne mesmo do mainstream (a recente Guerra Civil sería outro exemplo), aínda que cunha comprensible prudencia nas conclusións.

Polo demáis e a partir de alicerces tan escasamente orixinais coma a xenreira antimutante ou a rivalidade entre membros do grupo, Whedon desenvolve unha trama correcta, que combina a tabula rasa co pasado da franquicia con chiscadelas para os amantes da continuidade. Formas vellas en corpos novos, como diría Ovidio. Na fin do traxecto fica a sensación, xenuinamente contemporánea, de que se fixo un camiño moi longo para percorrer unha distancia moi curta. Viñetas grandes, diálogos breves, páxinas que voan… o signo dos tempos.

Entradas relacionadas – X-Men
Novos X-Men: E de Extinción

Entradas relacionadas – John Cassaday
Eu son lexión: O fauno danzante - Vlad

Ningún comentario: