mércores, xullo 15, 2009

Diario dunha pantasma



Diario dunha pantasma (Ponent Mon, 2007) sitúa o canón de luz nos aspectos da actividade creativa que normalmente permanecen nas sombras. Nicolas de Crécy plantexa ao lector unha complexa reflexión sobre o feito mesmo de escribir e debuxar e faino cunha personificación (ou cousificación?) simplificadora: a pantasma do título, un peculiar personaxe de forma e personalidade imprecisas, representa o carácter inacabado da obra artística que se atopa en proceso. A pantasma é plástica e permeable, pode adoptar formas e transmitir ideas. A narración avanza ao tempo que o fai a súa propia metáfora, este personaxe cuxo propósito vital é o de acadar un carácter de seu, a forma definitiva que a definirá como ser/obra acabado.

A irrupción do autor a metade de narración corrixe o curso da mesma. De Crécy opina en voz alta sobre as viaxes e o turismo, as obras de encargo, a ollada do estranxeiro. Hai un vicio de orixe, parece dicir, en calquera proxecto que pretenda presentar ao lector unha realidade lonxana. Toda posición asumida polo narrador é impostada, parcial, sesgada; no mellor dos casos, autoconsciente. A pantasma desaparece ou se cadra transfórmase, de acordo coa súa natureza, en relato. O autor xoga coas estruturas do medio, as viñetas aparecen e desaparecen, o branco e negro puro enriquécese con sombras ocres.

A obra supera o principal risco da metaficción, a frialdade, chegando o lector á fin da viaxe plenamente inmerso na lectura. Chama a atención ata que punto se pode empatizar cun personaxe coma esa pantasma que non deixa de ser unha tabula rasa. Ou se cadra é o eco da simpatía que sentimos polas mascotas comerciais, os personaxes de debuxos animados e os funny animals, panteón de divinidades para unha pantasma que aspira a convertirse nun deles. O último truco do autor, que presenta este personaxe como a pílula que lle permitirá ao lector dixerir un relato que, abordado doutro xeito, resultaría moito máis árido.

Ningún comentario: