venres, xullo 10, 2009

As rúas de area



O de Engurras (Astiberri, 2007) foi un caso sen moitos precedentes no noso país: obra multipremiada, varias edicións vendidas, sorprendente repercusión nos medios, merecido Premio Nacional de Cómic ao seu autor, adaptación ao cinema… Un pode imaxinar a vértixe de quen debe asumir que ese será o parámetro polo que se medirá toda a súa produción posterior. As rúas de area (Astiberri, 2009) é a primeira obra que publica Paco Roca dende Engurras. Semella errado interpretar as claras diferencias entre as dúas obras, moi notables no argumental, como froito dunha vontade de Roca de se afastar do seu exitoso precedente. Non só o proxecto estaba xa en marcha cando a obra anterior se publicou en España, senón que ademáis, as claves fantásticas deste novo álbum resultan plenamente coherentes coa restante obra previa do autor valenciano.

A tradición literaria na que se inscribe As rúas de area resulta ben evidente e, de feito, aparece explícitamente mencionada na introdución de Vittorio Giardino que acompaña o álbum. Na historia, con evidentes ecos de Alicia e do pesadelo kafkiano, o protagonista cruza inadvertidamente a fronteira da realidade e se introduce nun mundo onírico que, malia a súa aparente anarquía, si se atopa rexido por normas. É na procura da lóxica fuxidía que domina esa nova realidade que o autor presenta unha imaxe invertida do noso mundo e o seu absurdo cotián.

Só o apartado gráfico abonda para xustificar sobradamente o tempo invertido na lectura desta obra. As páxinas que a compoñen amosan a un Roca que ten depurado o seu delicadísimo estilo ata extremos que están fóra do alcance da maioría dos seus contemporáneos. O lector que se asome a este libro atopará nel un mostrario de imaxes dondas e fascinantes, nunha disposición xenuinamente persoal e sempre harmoniosa, ademáis de algunhas curiosas referencias visuais tan explícitas comas as literarias. Mesmo a elección dunha paleta de cores algo máis escura do que un podería, a priori, considerar acaído para un relato destas características termina resultando un evidente acerto.

Dito iso, debo confesar unha certa decepción tras a lectura do álbum. Recoñezo que este tipo de relatos non adoitan estar entre os meus favoritos, se cadra porque as súas posibilidades ficaron xa ben definidas nos clásicos da tradición. Pero aínda facendo abstracción diso, o plantexamento de Roca non chega a convencerme. O punto de partida, o desencadeante da caída (fuxida?) a ese novo universo de significados, é un episodio simbólico (a cita nun banco para a eventual sinatura dunha hipoteca) obvio e torpe. A presentación demorada da paisaxe onírica e os seus quiméricos habitantes ten, ao meu entender, máis de recreación autocompracente que de contido sustancial. E finalmente, a conclusión do relato pode interpretarse como unha chamada a reorganizar os nosos valores e prioridades, mais tamén como unha máis discutible reivindicación do refuxio fantasioso e a irresponsabilidade infantil.

Xa que logo, e para convencerme de que non participo dese popular deporte que consiste en lapidar ao triunfador, animo a todo lector a que se achegue a esta obra e a xulgue por si mesmo. Porque por talento e traxectoria, Roca segue a ser o autor a seguir.

Entradas relacionadas
Engurras

Ningún comentario: