mércores, xullo 08, 2009

Long John Silver: Lady Vivian Hastings



Analizándoo só dende un punto de vista comercial, este primeiro álbum de Long John Silver ten dous elementos ao seu favor. Por unha banda, o seu protagonista é un dos personaxes máis carismáticos dun clásico da literatura universal como é A illa do tesouro de Robert L. Stevenson. Por outra, a ilustración da capa non só resulta de seu atractiva, senón que é representativa do principal punto de interese do álbum. Que retrato farán Xavier Dorison e Mathieu Lauffray dese personaxe que se nos presenta en sombras e de costas ao lector?

É de aí de onde xurden as maiores eivas deste cómic. Porque o seu Long John Silver aparece caracterizado sen excesiva convicción, cunha personalidade que carece da forza e carisma do seu referente literario e, o que semella aínda máis estraño, sen que haxa apenas referencias explícitas ou implícitas á novela de Stevenson. Non penso que os grandes clásicos deban ser intocables, mais entendo que si cómpre algunha xustificación para facer uso deles. Xustificación que, neste caso, non existe.

Unha mágoa que os autores sometan á pesada sombra do clásico de Stevenson un primeiro álbum, Lady Vivian Hastings (Norma, 2009), correcto dentro das súas pretensións, cun guión directo e ameno, ben afianzado nos tópicos do xénero e claramente mellorado polo debuxo espectacular e preciosista de Lauffray. Sen sorpresas nin grandes achados, Dorison introduce os elementos principais dunha trama que desenvolverá, a priori, en tres álbumes máis. Resistirá o galeón o peso con que os autores decidiron cargalo?

Ningún comentario: