venres, xullo 17, 2009

A marca marela



Máis de medio século despois da súa publicación orixinal, non pode dicirse que A marca marela (Grijalbo, 1984) siga plenamente vixente. Pola contra, son moitos os elementos da que probablemente sexa a aventura máis célebre de Blake e Mortimer que evidencian o tempo transcurrido: dende os rasgos xerais dunha trama que hoxe se revela inxenua e previsible, ata a megalomanía do antagonista, pasando por algunha solución deus ex machina. Iso sen entrar en cuestións de xénero (a invisibilidade da muller), socioculturais (o arquetípico servinte hindú do “colono” Mortimer) ou formais (a molesta redundancia duns textos de apoio que describen, unha e outra vez, o que se pode ver nas viñetas).

Dito iso, ainda é moito o que esta obra, debidamente contextualizada, pode ofrecer. Blake e Mortimer son o punto de encontro de diversas figuras tradicionais da cultura popular, dende a parella investigadora que parte de Holmes e Watson, ata os aventureiros pulp, arquetipos que se ven así trasladados a un novo eido, a banda deseñada de orientación xuvenil. As súas historias son unha celebración do espíritu aventureiro presentado mediante o contraste de dúas personalidades matizadas: un Blake flemático e cerebral fronte un Mortimer afouto e impulsivo. A súa é a camaradería viril de tantos heroes do seu tempo e que hoxe dá lugar a tantas suspicacias.

Fronte a outras entregas da mesma saga, de ambientación exótica (Exipto ou a Atlántida; o mundo era aínda un lugar misterioso e inexplorado a mediados do século pasado), A marca marela transcurre nunha cidade de Londres que se describe cunha vocación realista que hoxe semella un tanto inocente. Non só se fai parada nos escenarios máis pintorescos da capital, senón que hai unha identificación obsesiva de cada un dos espacios nos que se sitúa a acción, no que semella un intento de convencer ao lector da veracidade dun relato, por outra banda, repleto de científicos tolos, hipnose e seudociencia.

O debuxo de Edgar P. Jacobs, coa súa perfección xeométrica e o seu colorismo pop, define a liña clara como só outro xigante do seu tempo foi quen de facer: Hergé, do que foi amigo e colaborador. De feito, as páxinas deste álbum revelan a promiscuidade artística destes dous autores, con imaxes das que podemos atopar réplicas exactas en álbumes de Tintin. Se no temático, Jacobs recolle e prolonga unha tradición, no gráfico é, xunto con outros, o pai dunha tendencia que sería seguida, revisada e homenaxeada (tamén parodiada) ata os nosos días.

Ningún comentario: