venres, marzo 25, 2011

Tóxico



Tóxico
(Random House, 2011) demostra o que de certo hai no tópico de que os opostos se atraen. E non só porque un artista de ollada doente e en branco e negro como Charles Burns deixe constancia da súa admiración polo colorismo amable de Hergé, senón tamén porque a improbable unión de ambos resulta ser máis fértil do que se podería agoirar.

O medio forma parte esencial da mensaxe desta obra que se acolle ao formato álbum europeo, pero que toma distancia na mesma medida en que se achega ao seu referente. Aínda que poida parecer un paradoxo, a procura de semellanzas coas formas proprias da BD europea enfatiza as diferencias entre o traballo de Burns e o paradigma que poderían representar Hergé e o seu Tintín. E iso porque o norteamericano non busca unha identificación absoluta e intercala pasaxes nas que imita o trazo de Hergé con outras nas que mantén o seu proprio grafismo. A obra, xa que logo, desenvólvese en dous planos que se corresponden coas dúas personalidades gráficas en xogo: o primeiro sería o mundo que poderíamos alcumar de "real", rexido polas normas proprias da narrativa de Burns: adolescentes inseguros, boy meets girl, contracultura, enigma, morbo e sustancias ilegais; o outro sería un mundo de pesadelo reconstruído a partir dos parámetros gráficos de Hergé. Coma se dunha Alicia alucinada se tratase, o protagonista pasa dun mundo ao outro perseguindo un gato, atravesando un burato nunha parede de tixolos que lembra aos sotos de Moulinsart tal e como aparecían no díptico O segredo do Alicornio-O tesouro de Rackham o Roxo. Dacabalo dun e outro lado do espello transcorre esta historia que, fóra do aspecto gráfico, repite moitas das claves habituais na obra do seu autor.

Estamos perante o primeiro dunha serie de álbums (xa saben, á europea), o que impide un xuízo definitivo sobre o total, mais si podemos celebrar a fascinante aposta visual de Burns e a súa capacidade para deixar ao lector devecendo pola pronta edición da seguinte entrega.

Entradas relacionadas
Burato negro

Ningún comentario: