sábado, abril 02, 2011

As dúas viaxes



É de agradecer a política de recuperación de clásicos da BD galega levada a cabo por El Patito Editorial. Grazas á colección Biblioteca Clásicos da Historieta Galega podemos acceder a dignísimas reedicións das primeiras obras de autores como Miguelanxo Prado, Fran Bueno ou, no caso que nos ocupa agora, Xaquín Marín. As dúas viaxes (El Patito, 2010) recolle "A longa viaxe de volta dende as estrelas", relato que Marín aportara a 2 Viaxes, obra fundacional do cómic galego que o ferrolán desenvolvera en 1975 xuntamente co desaparecido Reimundo Patiño, ao que engade outra narración previa e ata agora inédita, "Buscando otro mundo".

Os dous traballos foron concibidos nun tempo convulso, cheo de cambios e reivindicacións no eido político e social, mais tamén nun tempo no que os autores de banda deseñada comezaban a reclamar a dignidade do medio dun xeito cada vez máis decidido e consciente. Estes dous vectores crúzanse na obra de Marín, alumbrando dous relatos moi semellantes en forma e fondo, íntimamente ligados ao tempo que os veu nacer o que aporta hoxe unha nova dimensión ao seu interese intrínseco.


Patiño e Marín eran ben conscientes de que con 2 Viaxes inauguraban de feito o cómic galego, para o cal apenas existían antecedentes inmediatos (só A Cova das Choias podería considerarse tal) ou lonxanos (con parte da obra gráfica de Castelao coma referencia esencial). Non resulta estraño, xa que logo, que as obras que desenvolveron xirasen arredor dun tópico esencial da cultura galega, a emigración, mais tampouco que o abordaran con vocación rupturista e anovadora. De feito, esa dialéctica entre modernidade e tradición é un factor esencial para comprender a chamada Nova Narrativa Galega e probablemente sexan novelas coma Cambio en tres (1969) de Carlos Casares ou Galou Z-28 (1976) de Lois Diéguez as que conforman o contexto natural para comprender a fantasía e simbolismo de "Buscando otro mundo" ou o futurismo de "A longa viaxe de volta dende as estrelas".


Pero é que, como adiantabamos, a dos 70 foi tamén unha década clave para a evolución da BD coma linguaxe. Foron moitos os autores que neste tempo tentaron ampliar os horizontes dun medio desprestixiado malia a súa enorme potencialidade. A influenza do pop, as vangardas ou a psicodelia fíxose sentir nunhas obras que supuxeron un enorme avance cualitativo para a BD. O debuxo de Xaquín Marín en As dúas viaxes sorprende pola lonxanía respecto os seus traballos máis populares e recentes (as comic-strips de Gaspariño, o humor en prensa, as pranchas de Tonecho en Golfiño), mais tamén polas coincidencias coa obra de autores que lle eran contemporáneos aínda que artísticamente tan distantes coma Jean-Claude Forest ou Guido Crepax.



As páxinas de As dúas viaxes amosan a un Marín que rexeita solucións doadas para o problema que supón toda narración. Cada prancha parece ser o resultado dunha reflexión demorada, especialmente en "A longa viaxe...", na que a páxina predomina sobre calquera outra unidade narrativa (as viñetas ou aparecen integradas na ilustración ou apenas aparecen), de xeito que o relato resulta ser unha sucesión de imaxes complexas polo seu contido narrativo e frecuentemente simbólico, que incorporan o texto coma un elemento gráfico máis. Hoxe sabemos que houbo unha vida para a BD galega tras estes primeiros pasos e que a criatura que daquela nacía presenta hoxe un aspecto forte e saudable. Mais cómpre coñecer e recoñecer o labor daqueles pioneiros que probablemente non imaxinaban os excelentes froitos que daría a árbore que daquela prantaron. Algúns como Reimundo Patiño ou Chichi Campos non tiveron ocasión de velo. Xaquín Marín si e pode sentirse ben orgulloso da súa contribución esencial á actual idade dourada da BD galega.

2 comentários:

Armando Requeixo disse...

Estupendo post. Grazas por ilustrarnos. Un saúdo.

Ollo de Vidro disse...

Grazas a ti pola visita e o comentario, Armando.