venres, xaneiro 08, 2010

Astonishing X-Men: Perigoso



Dende a chegada de Chris Claremont á cabeceira orixinal dos X-Men nos anos 70, as relacións do grupo co entorno pasaron a estar presididas pola idea de histeria antimutante, metáfora da intolerancia que se podía intuir na etapa anterior do grupo pero que apenas fora desenvolvida. Pode dicirse que foi este concepto o que deu entidade ao grupo mutante no imaxinario superheroico e o que posibilitou a súa transformación en exitosa franquicia.

Alén diso, Claremont dotou aos personaxes dunha profundidade psicolóxica inusual no seu tempo, debido en boa medida a que no paradigma de entón os heroes debían confrontar dilemas para os que abondaba cunha caracterización máis simple. Esta nova dimensión permitiulle enriquecer os argumentos, especialmente nas interaccións entre personaxes, que pasaban a un primeiro plano en detrimento da eterna confrontación ben-mal.

É neste segundo aspecto no que máis evidente se fai a débeda dos Astonishing X-Men de Joss Whedon coa etapa de Claremont. O creador de Buffy prefire incidir na dinámica interna do equipo antes que na relación de este co seu contorno, situando en primeiro plano as relacións persoais entre membros xa dende os primeiros capítulos da cabeceira. Non deixa de chamar a atención o discreto papel que Whedon lle reserva a Lobezno, personaxe omnipresente e sobredimensionado editorialmente pola súa popularidade, e que se nos presenta agora apenas como un lacónico espectador da acción principal.

Elexindo a Sala de Perigo como o antagonista deste segundo arco argumental, Whedon orienta de novo ao grupo cara a si mesmo e o seu pasado, ao tempo que reincide na caracterización do Profesor Xavier coma filántropo cunha faciana escura. Perigo representa os danos colaterais do soño de Xavier, o peón que se resiste a ser sacrificado a prol dun ben superior. A idea é brillante por máis que perda algo de forza cando un ente tan abstracto coma un recinto teña que tomar forma corporal por esixencias da narración.

O traballo do debuxante John Cassaday en pouco difire do desenvolvido no arco anterior, combinando unha lúcida caracterización gráfica dos personaxes cun plantexamento narrativo monótono e conservador.

Entradas relacionadas
Astonishing X-Men: O don

Ningún comentario: