domingo, novembro 27, 2011

Os Novos Mutantes: A orixe de Lexión



Sinalabamos hai pouco que probablemente o valor engadido de historias como a Saga do Oso Místico dos Novos Mutantes, o seu interese dende un punto de vista actual, residise na interpretación gráfica de Bill Sienkiewicz antes que nos guións, perfectamente convencionais, de Chris Claremont. A reedición de Panini da etapa destes dos autores na cabeceira dos Bebés-X péchase con este segundo tomo, A orixe de Lexión (2011), sendo a aventura que lle dá título a que indica o momento en que o escritor parece tomar en consideración por vez primeira a peculiar identidade artística do seu debuxante. E así, a extravagancia do personaxe de Lexión casa perfectamente co estilo gráfico de Sienkiewicz e a aventura que Claremont constrúe a seu redor, concretamente, no interior da súa mente esquizofrénica, resulta ser o pretexto perfecto para que o debuxante deseñe paisaxes oníricas, figuras deformadas e efectos lisérxicos con xustificada liberdade. O resultado non pasará ao canon do tebeo superheroico mais si ofrece unha boa mostra da densidade (gráfica e argumental) que o xénero acadaba nos 80.

O tomo contén tamén a irrelevante intervención dos Novos Mutantes nas esquecibles Secret Wars II, historia incapaz de sobrevoar a mediocridade do crossover no que se insire, e péchase coa minisaga que marca a volta dun dos membros da aliñación orixinal do grupo, Karma. A compoñente emocional deste retorno semella ser o argumento principal e case único destes capítulos, debuxados polo hawaiano Steve Leialoha, e que desembocan noutra saga recentemente recuperada por Panini, As Guerras Asgardianas.

Se desbotamos o factor nostalxia (nada desprezable dende o punto de vista comercial: estou convencido de que parte esencial do mercado ao que vai dirixido este produto son lectores que, coma min, leron estas historias no seu día e desexan recuperalas agora en mellores condicións de edición), coido que o principal interese deste volume, coma do anterior, é o de contemplar as páxinas dun Bill Sienkiewicz que desbordaba as convencións gráficas do xénero superheroico e se postulaba como un dos artistas máis interesantes do momento. Que posteriormente non fose quen de construir unha carreira de seu coma autor non lle resta méritos ao seu labor nestes anos, cuxa repercusión no medio resulta indiscutible.

Ningún comentario: