martes, decembro 20, 2011

Os sarcófagos do sexto continente



Se cadra polos coñecidos vínculos entre Hergé e Edgar P. Jacobs, adoita tomarse tanto a Tintín coma a Blake e Mortimer como paradigma das dúas posicións que poden adoptarse respecto a unha cabeceira cando morre o seu creador: clausurala (Tintín) ou permitir a súa continuación por outros autores (Blake e Mortimer). O debate ten bastante de bizantino e se cadra por iso abrolla cada pouco. En calquera caso, veño de ler con agrado Os sarcófagos do sexto continente (Norma, 2004, 2005), aventura en dúas partes escrita por Yves Sente e debuxada por André Juillard e que pertence á era post-Jacobs de Blake e Mortimer. E, como non pode ser doutro xeito, un dos seus puntos de interese é determinar ata que punto se lle fai xustiza á cabeceira orixinal e ao seu creador.

A ese respecto, o primeiro que resulta evidente é a vocación de fidelidade ao referente dende un punto de vista formal. O empeño de Juillard por mimetizar o estilo gráfico de Jacobs lévao a supeditar os seus propios rasgos autorais á imitación do grafismo daquel en todos os seus extremos, o cal inclúe a posta en páxina e tamén aspectos tan característicos do historietista belga como a súa tendencia sobrecargar os globos de diálogo ou o uso de caixas de texto cuxo contido resulta redundante coas propias imaxes. A contención con que se empregan estes recursos, que en ningún momento chegan a entorpecer a lectura, denota que estamos perante un uso consciente dos mesmos, a repetición dunha marca de estilo que se ofrece cómplice ao lector para o seu recoñecemento.

Algo semellante pode dicirse do argumento. Ademais de manter a fidelidade na caracterización dos protagonistas, Sente enceta unha trama coherente cos lugares comúns na obra de Jacobs (aventura, viaxes, emprazamentos exóticos, pseudo-ciencia...) adubada con non poucas referencias a aventuras previas. A elección da Exposición Universal de Bruxelas de 1958, co aquel retrofuturista e inxenuo do Atomium e demais edificios da Feira, coma un dos escenarios principais da aventura, lonxe de ser inocente, ten moito de declaración de intencións por parte dos autores. Con todo, Sente e Juillard non renuncian a ampliar os límites da serie, atrevéndose a imaxinar un amor de mocidade de Mortimer e as circunstancias en que éste e Blake coincidirían por vez primeira.

Xa que logo, a obra combina sabiamente un discurso propio co respecto pola tradición e resulta, por riba de todo, un sólido relato de acción e aventura. Resúltame difícil pensar qué afeccionado á obra de Jacobs podería presentar obxeccións a un traballo coma éste e, en calquera caso, o canon orixinal permanece intacto para quen o recoñeza coma o único válido. Así que, querendo ou non, parece que xa me posicionei no debate inesgotable do que antes falabamos. Ata que cambie de opinión, supoño.

Entradas relacionadas
A marca marela

Ningún comentario: