xoves, decembro 22, 2011

O xogo lúgubre



O xogo lúgubre
(Dolmen, 2007) parte das coñecidas extravagancias e tamén doutros aspectos máis controvertidos da vida de Salvador Dalí para desenvolver un relato que pretende ser desacougante e morboso centrado na figura do pintor catalán, aquí chamado Salvador Deseo. Paco Roca xoga á imitación do clásico literario Drácula, facendo que os lectores acompañen ao novo e recén chegado secretario de Deseo, significativamente chamado Jonás Arquero, na súa descuberta da sinistra personalidade e forma de vida do pintor. O vampirismo de Deseo, coma o de Drácula, sobardaría a súa constatada desviación respecto da moral e convencións sociais predominantes para entrar no terreo do criminal. Obviamente, nese punto Roca fabula, aínda que sexa a partires de material documentado, retratando a Deseo/Dalí a metade de camiño entre o ogro malvado e un certo infantilismo irresponsable. A cuestión de fondo sería a de se podemos xulgar con normas (morais, legais) comúns a suxeitos extraordinarios ou, en sentido contrario, se a xenialidade persoal pode ser coartada para o crime.

Porén, malia o interese da proposta, a obra acusa unha notable falta de substancia. En contraste co delongado proceso de dexeneración persoal a que se vía sometido o Jonathan Harker de Drácula, a transformación que sofre Arquero ao asistir ás reviradas prácticas de Deseo resulta prácticamente instantáneo, non suficientemente xustificado. A mesma precipitación acusa o seu namoramento dunha rapaza de Cadaqués: fugaz, instantáneo. Á obra no seu conxunto fáltalle percorrido para posuir a contundencia que o relato reclama.

No aspecto gráfico, Dolmen segue o formato da edición europea da obra, a cor e cun tamaño maior que o orixinal tal e como o publicara La Cúpula en 2001. Como adoita acontecer, a ampliación non favorece o resultado cando a obra foi concibida inicialmente para unhas dimensións de páxina menores. Polo demais, aínda que os rasgos de estilo do seu autor están presentes, o seu traballo non resulta tan rico e complexo como a súa obra posterior, especialmente no que atinxe á planificación e posta en páxina.

Estamos, xa que logo, perante un traballo cheo de ideas suxerentes que non chegan a funcionar por completo. Roca revelábase xa en 2001 coma debuxante talentoso e creador imaxinativo, pero aínda en proceso de perfeccionamento. O salto de calidade que supón a súa produción posterior é ben coñecido.

Entradas relacionadas
Engurras
As rúas de area
O inverno do debuxante

Ningún comentario: