Primeiro feito. Paco Roca é un dos poucos autores de banda deseñada que foi quen de traspasar as estreitas marxes do medio e facerse un oco na axenda cultural do país, feito que, tendo bastante de insólito, explícase polo éxito acadado por Engurras, obra cuxas vendas (falábase hai xa ben tempo de 20.000 copias vendidas e cinco edicións esgotadas máis unha sexta en curso) demostran a existencia dun público que, non sendo lector habitual de tebeos, está disposto a mercalos se atopa o produto axeitado. O feito de que a publicación dun novo álbum por Roca acade un (modesto) eco na prensa xeralista debe entenderse como un éxito que non deixa de ter a súa faciana negativa. Por unha banda, resulta tentador por parte dos afeccionados á BD cargar ao artista valenciano coa responsabilidade de "gañar novos lectores" para o medio. Por outra, a visibilidade de Roca pode dar lugar a críticas de lectores que consideran inxusto ou desmedido o seu éxito, ao tempo que se sinala a outros autores que serían tan merecentes (ou máis) do mesmo trato mediático. Entendo que, se queremos ser xustos con Roca, debemos xulgar a súa obra en si mesma, sen asignarlle outros fins que os perseguidos polo autor e sen entrar en comparacións arbitrarias con outros artistas.
Segundo feito. Deliberadamente ou non, Roca négase a repetir as claves do seu propio éxito. Xa acontecía co álbum que seguiu a Engurras, As rúas de area, e repítese agora con O inverno do debuxante (Astiberri, 2010), obra que posúe unha vertente social pero desbordada polo resto de asuntos que trata. Loable, xa que logo, a vontade de Roca de non recurrir ás mesmas fórmulas por exitosas que resultasen.
Terceiro feito, se cadra máis opinable que os anteriores. Roca é un gran debuxante. O seu debuxo goza dunha virtude que a cotío menosprezamos, a súa accesibilidade. Pola delicadeza do trazo, pola dozura das cores, pola sinxeleza dos planos, as súas páxinas provocan un agrado directo, instantáneo. É probable que o seu éxito se explique tamén por esa inmediatez e non só por cuestións temáticas. Pero é que o seu grafismo resiste ademais unha análise máis fonda. En O inverno... atopamos un abafante dominio dos tempos narrativos, presente non só na estrutura do relato (balizada con sinais gráficos diversos), senón en cada concreto lance (hai páxinas nas que as viñetas parecen sucederse a ritmo de metrónomo); tamén unha coidadísima composición de páxina, na que os recursos son tan visibles (simetrías, fragmentación dunha imaxe en varias viñetas, repeticións...) coma funcionais. O talento de Roca coma debuxante, evidente xa dende as súas primeiras obras, acada neste último traballo a súa mellor expresión.
Roca mantén un perfecto control sobre unha narración que podería térselle escorregado de múltiples formas. Administra correctamente os moitos elementos que compoñen a trama, consegue dotar dunha caracterización acaída e dun certo grao de protagonismo a todos os personaxes que circulan polo álbum, opta por unha estrutura non lineal que enriquece o relato sen alterar a súa funcionalidade, conxuga sabiamente as doses de historia e relato. O resultado é un traballo dunha sinxeleza tan meritoria como enganosa.
A recepción do álbum foi desigual. Canda as voces que a sinalaron coma unha das mellores obras do ano pasado xurdiron outras que a consideraron sobrevalorada. Cóntome entre os que opinan que O inverno do debuxante é o mellor traballo de Paco Roca ata a data.
Entradas relacionadas
Engurras
As rúas de area
2 comentarios:
ten unha cualidade tamén no levarnos ata aquel cine do "neorrealismo" nacional do franquismo, que se practicaba na época do relato. E os planos sostidos, tan Berlanga... me pirran
Paco contou que o No-Do fora unha fonte documental, asemade do cine da época... e nótase (e non é crítica negativa)
Un dos mellores traballos do ano pasado, sí :)
A narrativa de Paco paréceme engaiolante: eses planos de xente conversando, fixos, coma ti dis, pero cheos de matices, vivos. Efectivamente, o seu debuxo captura ese sabor antigo do No-Do e o cinema da época. É un deses álbums que merece ser contemplado detidamente despois de lido.
Publicar un comentario