xoves, febreiro 10, 2011

Powers: Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos



Xa dixemos, verbo de entregas anteriores, que Brian M. Bendis introduciu un severo cambio de orientación en Powers aproveitando o seu traslado de Image a Marvel: Icon, revisión que incluía algúns dos sinais de identidade da serie. A sucesiva obtención de superpoderes por parte dos dous personaxes protagonistas trastoca notablemente a natureza dunha cabeceira que tiña na desigualdade da confrontación entre policías normais e seres superpoderosos un factor esencial. O presente arco, Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos (Panini, 2010), ten moito de peche dun ciclo e confirma que Bendis prefire que a súa serie evolucione, aínda xerando incertezas, antes que deixala caer en repeticións.

Neste volume atopamos a conclusión dos principais fíos argumentais que comezaron a tecerse dende a chegada de Powers a Marvel, sobranceiramente no que atinxe ao personaxe de Deena Pilgrim e o seu cambio de estatus, de policía a fuxitiva. Aínda que o título do arco suxire unha volta á faciana máis superficial e lercha do mundo superheroico, que foi abondosamente explorada nas primeiras etapas da cabeceira, a realidade é ben outra. Bendis céntrase na trama policial, precipitando os acontecementos ata desembocar nun peche que, non sendo en absoluto definitivo, si parece denotar unha certa vontade de permanencia. Polo camiño, transgrédense explícitamente algunhas das normas non escritas da serie, especialmente no que atinxe á relación entre os dous personaxes protagonistas, nunha decisión loable por arriscada. Todos sabemos que establecer unha tensión non resolta entre a parella protagonista resulta moi rendible en termos narrativas, mais sabemos tamén o dano que produce cada novo avance nese eido. É por iso que se agradece a decisión de Bendis de non postergar indefinidamente a intanxibilidade entre Walker e Pilgrim, concedéndolle á espera un (primeiro e puntual) punto de destino e arriscando o propio futuro da serie no proceso.

O volume complétase cun anual centrado na orixe remota do personaxe de Christian Walker, de menor interese, ao meu entender, que o fío argumental principal, mesmo prescindible dende o punto de vista deste. Na portada, Michael Avon Oeming rende homenaxe a Frank Frazzetta.

No seguinte arco, Bendis debe asumir a difícil tarefa de dotar á nova compañeira de Christian Walker, personaxe que foi introducido xa neste volume, dun carisma equivalente ao de Deena Pilgrim. Todo un reto.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre Powers: Identidade secreta

Ningún comentario: