venres, xuño 04, 2010

Powers: Cósmico



Unha das premisas que daba sentido a Powers, presente tamén en Gotham Central, era a constatación da inferioridade que padece un policía nun mundo no que existen os superpoderes. Ese desequilibrio de forzas desvelaba unha situación inxusta e dotaba dun verniz de heroísmo aos protagonistas dunha cabeceira de seu desmitificadora. Que na traxectoria recente da serie este aspecto quede desmantelado coa adquisición de poderes primeiro por parte de Deena Pilgrim e agora por parte de Christian Walker demostra que Brian Michael Bendis pretende non só matizar, senón reorientar fondamente a cabeceira na súa nova etapa baixo o selo Icon de Marvel. Unha aposta arriscada xa que, como indicamos, afecta á razón de ser da cabeceira, e que está por ver de que maneira afecta ao seu discorrer.

A restauración de Walker como ser superpoderoso parece ser o único propósito de Cósmico (Panini, 2010), historia que homenaxea a tradición cósmica do tebeo de superhéroes, con especial énfase na figura do Green Lantern de DC. Este arco incurre na peor faceta do decompressive storytelling que caracteriza a escrita de grande parte da obra de Bendis, pero que nunca na traxectoria previa da cabeceira se mostrara dun xeito tan ostensible. A investigación criminal que desencadea a trama resulta ser algo máis irrelevante que un macguffin; os monólogos que introducen cada capítulo demóstranse illados da trama, por máis que o do número final se integre nela; a situación de Deena mantense nun molesto impasseMichael Avon Oeming demostra de novo o seu dominio na creación de atmósferas, pero acusa, especialmente cara o final do volumen, un certo desleixo e non pouca confusión narrativa.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre
Powers: Lendas
Powers: Psicópata

Ningún comentario: