sexta-feira, junho 11, 2010

A Novela Gráfica



Que a BD anda escasa de corpo crítico é xa un tópico, pero non deixa de ser certo. É por iso que unha obra como A Novela Gráfica (Astiberri, 2010) de Santiago García, que é un ensaio valente, moi ambicioso e cuxo rigor non negan nin os que se opoñen á súa tese, debe recibirse sempre cos brazos abertos. Hai tempo que no microsistema da BD se debate verbo da “novela gráfica” como categoría, concepto ou etiqueta de uso cada vez máis frecuente, fenómeno que está tan relacionado coa lenta pero progresiva homologación cultural do cómic como coa súa maior presenza nos medios e tamén en espazos de venda non especializados. Non é irrelevante que os argumentos que ofrece García tomen a forma dun ensaio irreprochablemente desenvolvido e cálidamente editado. A discusión, ata o de agora, sustanciárase en espazos e soportes (fundamentalmente Internet; as charlas e ponencias en Salóns e os artigos en prensa son ocasionais e minoritarios) que non favorecen nin a sistematicidade, nin a complexidade nin o rigor na elaboración dos argumentos, e en cambio si fomentan tanto a atomización do debate como a non discriminación entre as posicións debidamente fundamentadas e as puramente intuitivas ou viscerais. Dende este punto de vista, a obra que nos ocupa ten algo de fito, ao tratarse de algo tan escaso no noso entorno como un traballo de tese, desenvolvido e resolto como tal e, por tanto, cunha vocación e unhas posibilidades de permanencia inusuais.

De feito, A Novela Gráfica é ante todo un ensaio histórico, que analiza a evolución do medio dende a súa orixe no século XIX ata a actualidade, plantexamento co que o autor pretende fornecer as súas conclusións. Como adoita acontecer na análise histórica, García reconstrúe unha realidade inevitablemente caótica a partir dunhas categorías coidadosamente perfiladas, o que ofrece unha imaxe se cadra coherente de máis. O amplo espectro temporal comprendido e a vocación de atender ás especificidades de tres polos culturalmente tan diversos como Norteamérica, Europa e Xapón abocan a unha simplificación necesaria e útil no seu cometido de proporcionar un soporte para a argumentación do autor. E cal é a tese que xustifica este minucioso percorrido? Que hai unha corrente creativa que é recente, que non existiu propiamente ata hai poucos anos (en boa medida a causa do devir histórico do medio tal e como se nos expón) e que é a que o autor chama “novela gráfica”.

Mais o labor de García comeza a ser obxectable cando decide manter os rasgos que caracterizarían a ese movemento creativo nunha calculada indefinición, excepcionando o principio de rigor e exhaustividade que rexera en todo o ensaio. Aínda que un lector atento poderá extraer sen dificultade unha idea xeral acerca de que características son esas, a renuncia explícita de García a aportar unha definición exacta só pode interpretarse como unha manobra defensiva, un xeito de se expoñer menos e buscar o acordo co lector a través de sobreentendidos. A cuestión agrávase se consideramos que algúns deses rasgos definitorios apelan a realidades intanxibles, como a liberdade creativa ou a orientación adulta, e que, por tanto, cómpre deslindar detalladamente se se aspira a elevalos á condición de categoría. En definitiva, no que é un dos puntos centrais do seu discurso, García prefire sobrevoar o terreo no canto de cartografialo intensivamente, contradicindo o que fora a súa liña investigadora previa e eivando as súas conclusións.

Tamén a orixinalidade do autor xoga na súa contra. O ensaio demostra que o uso histórico da expresión “novela gráfica” foi pouco menos que caótico: intuitivo nuns casos, reflexivo e deliberado noutros; os significados non só diverxeron, senón que houbo ademáis outras etiquetas semellantes que se empregaron con obxectivos coincidintes. Chama a atención que García eluda calquera mención a un uso xenuinamente contemporáneo do termo, o que se vale del como marca de prestixio que xustifica un tratamento propio doutras manifestacións artísticas mellor consideradas socialmente. É o recurso pouco rigoroso a esta acepción o que, en boa medida, xera o debate recente sobre a “novela gráfica” que está na orixe do ensaio, o que fai doblemente inxustificada a súa omisión. Pero retomando a cuestión da orixinalidade, o que fai García non é interceder na discusión avogando por algunha das acepcións en conflito, senón propoñer un novo significado para a expresión. Deste xeito, lonxe de abrir unha vía para a solución do debate, García engade un factor novo que esixe un posicionamento. Non ancorando o seu ensaio á actualidade, o autor de O veciño proporciónalle unha vocación de permanencia. Gañará a medio prazo a significatividade que perde a día de hoxe?

A tese de García está xa a ser contestada dende distintos recantos da rede. O desexable sería que o debate comezara a levarse a outros terreos, que novos ensaios seguisen a este, que alén das recensións (merecidamente) gabanciosas, se contestase dende a prensa (xeralista? especializada?) á mensaxe que Santiago García vén de enviar, que as controversias se superen cando, como parece ser o caso, non sexa posible resolvelas, que o corpo crítico sobre a materia se enriqueza e que a publicación de obras da talla desta que nos ocupa deixe de ser excepcional.

Entradas relacionadas
O veciño 1 e 2

7 comentários:

Octavio B. (señor punch) disse...

"García comeza a ser obxectable cando decide manter os rasgos que caracterizarían a ese movemento creativo nunha calculada indefinición"
Pero isto non o vexo coma un pero, posto que, penso, García define a NG dende un punto de vista moy aberto... xa que a mesma natureza do "movemento"... é aberta. E digo "movemento" pois eiquí vexo o quid. O libro, diría, tenta acotar un movemento creativo que se caracteriza pola completa liberdade. Na NG a liberdade do formato alíase coa innata tendencia do artista á liberdade creativa. ¿Onde atopamos, entón, as características definitorias da NG?¿no formato, no estilo, nas temáticas? Penso que García pensa que osr rasgos do movemento son a ausencia de rasgos. O que une aos autores da NG sería entón as circunstancias de livberdade, tema inédito na Hª do cómic (sempre vinculado a soportes, formatos ou extensión determinada e impuesta)
Neste sentido, pareceume revelador o asunto dos indies (Burns), entendidos case como visionarios sin as posibilidades materiais. É certo que Black Hole fora seriada en grapas... pero a súa verdadeira natura completarase coa edición en tomo (mesmo como Maus).
Non obstante quen non teña obxeccións ao libro, que levante a man. Pra min, englobar cómics dos oitenta nacidos na (e para) a industria, seriados en límited, pensados como limited, non poden ser tomados por NG. (Ver Watchmen)

Octavio B. (señor punch) disse...

¡moY aberto! JAJAJA!!!
por escribir tan cedo ;)

Ollo de Vidro disse...

Octavio, penso que o que comentas está no cerne da cuestión. Un movemento que carece de rasgos en común... pode considerarse un movemento, unha corrente? Entendo o que dis da liberdade con que algúns poden manexarse agora, inédita no medio ata hai pouco, pero que se gañara esa liberdade, que o medio (os autores) tomara consciencia de si, e aspire á liberdade artística é unha cousa e reconducilo todo a un movemento ou unha corrente é outra.

É dicir, se a obra de García se limitase a rematar o seu percorrido histórico deixando constancia do estado actual das cousas, no que existen obras creadas nese contexto de liberdade, resultaría menos obxectable. Pretender que aí hai algo que se poida considerar unha corrente paréceme máis discutible. Bautizalo como NG coido que é un erro porque induce a confusións.

Penso que non lin ningún comentario sobre o libro na rede (é dicir, dende o mundiño para o mundiño) que non lle apoña algunha obxección. Pero penso que tamén todo o mundo está de acordo na altura obra e na calidade da edición. Nese senso, podo dicir que concordo totalmente co teu artigo do Faro (e por certo, darche parabéns polo teu labor, encomiable).

Octavio B. (señor punch) disse...

ollo, cara ao Faro, omito calqueira "pero". son artigos pensados para o público xeralista, xa me entendes.
Eu penso que é cedo para atopar rasgos definitorios, máxime nunha corrente tan heteroxénea, mais cando unha tropa de autores xeracionais adaptanse a un xeito de facer (e no caso o xeito sería o "antixeito"), coido que sí, poderemos falar de escola, ou de xeración, seica o vemos mais aberto así.
Se sabes do post rock,entenderás do que falo: ¿qué teñen en común Laika e Tortoise? Sen embargo, todos aqueles englobábanse no nome. Coa NG pode (pode, digo, xa veremos) suceder algo así. Con todo, está claro que estamos ante a primeira xeración que pode facer os cómics que lle pete, co formato e extensión que lle pete, sen cortapisas.
Sin embargo, ¿quen sabe si non é ainda cedo para acordonalos no "grupo NG"? especulo: o IPad xa está eiquí, a rede está dando un novísimo soporte e a virtualidade cada vez impera mais. Polo que igual pronto hay que reagrupar e falar dunha xeración/escola novísima que ademais recolle aos novos autores. Despois de todo, Shaw, amén dun dos derradeiros "apóstolos da NG", é dos autores que mellor emprega a rede para crear...
Eu o que lle vexo ao libro é algunha curiosa ausencia. Ou se queres, que se decanta pola senda marcada por USA. ¿É mais importante realmente para o cómic "adulto" a panda de nenos jipis facendo apoloxía das drogas e o sexo, ou as búsquedas estéticas do Metal Hurlant?¿Poque ningunear a Dave Sim? O propio García respondeume nunha correspondencia privada, como sempre moy, moy ben argumentado. E o bo do libro, certo, está na capacidade para facernos discutir sobre o tema.
Bueno, e nas cousas que comentara no artigo sobre o libro no Faro (emprego de fontes, amena lectura...)

Ollo de Vidro disse...

A min chamoume a atención a ausencia absoluta da historieta suramericana, aínda que supoño que García preferiu centrarse no triángulo USA-Europa (Francia/Bélxica e satélites)-Xapón. É probable que haxa máis ausencias, pero é que no fondo iso xurde por unha banda do enorme bocado que a obra pretende deglutir (esas 3 tradicións reconducidas a un mesmo esquema) e, por outra, da escaseza de ensaios históricos sobre BD. Seguramente, García non tería que demorarse tanto nalgunhas cuestións estrictamente históricas se a Historia do Medio estivese xa medianamente asentada. Podería traballar con alusións, citas, etc. e podería abranguer máis campo ou deterse máis no tramo final da súa obra.

E por certo, recuncas no "moy"... dúas veces! ;)

Leo habitualmente os teus textos no Faro e coido que case sempre chegas a ese equilibrio tan complicado que cómpre para poder dirixirse a xente de "fóra" do mundiño resultando interesante tamén ao lector máis informado.

Henrique Torreiro disse...

Lamento non ter lido o teu post no seu momento (xa había unhas semanas que non pasaba por aquí; a partir de hoxe subscríbome ao teu blog co meu Google Reader, para non despistarme máis). Parabéns polo artigo: moi boa análise da obra. No meu último post e na columna da que fala refírome moi brevemente ao libro de García (e de forma moito menos interesante, desde logo), e creo que vexo nel os mesmos problemas e virtudes ca ti. Felicitacións polo blog!

Ollo de Vidro disse...

Ola Henrique, agora son eu quen debe disculparse pola tardanza na contestación. O teu comentario hónrame moito, tanto como a nosa coincidencia respecto ao libro. Veño de ler o teu artigo e a entrada do blog e, como imaxinaba, de "menos interesante" nada. Unha aperta.