martes, xuño 22, 2010

George Sprott



Dicir a estas alturas que o canadense Seth fixo da nostalxia a materia da súa obra é pouco menos que unha obviedade. Así o confirma a recente George Sprott (Mondadori, 2009), na que retoma e depura os elementos que xa introducira nos seus traballos previos. Como en A vida é boa se non te rendes (Sins entido, 2009), trátase de recuperar a unha figura do pasado, aínda que desta volta non se trata botar luz sobre a obra dun descoñecido senón do contrario, de fixar o legado persoal e profesional de alguén que permaneceu a maior parte da súa vida exposto ao escrutinio público, aínda que fose no seo dunha comunidade pequena. Como en Ventiladores Clyde (Sins entido, 2003), búscase unha verdade histórica, que neste caso trascende a esfera familiar e abrangue a todo un núcleo social, que é retratado na medida en que se nos amosa unha das súas figuras representativas. Sprott é unha celebridade local, termo que encerra unha certa contradición: a súa figura excede a esfera privada pero o terreo de expansión é moi limitado. Sen ser alguén absolutamente condicionado pola fama, Sprott debateuse entre as esixencias da vida familiar e as limitacións derivadas da súa proxección pública. Seth introduce unha pluralidade de voces, un narrador que se expón á ollada do lector, familiares, amigos, ex-compañeiros, representantes da masa anónima que o coñecía só como figura pública. Os relatos subxectivos conxúganse coa narración directa de capítulos vitais do protagonista. O resultado é unha celebración da polifonía, a fixación dunha imaxe global a partires de unidades mínimas, probablemente contraditorias e todas elas parcialmente certas.

Pode que George Sprott sexa, a falta da conclusión de Ventiladores Clyde, a mellor obra de Seth. Nunca ata o de agora o canadense fixera unha declaración formal tan rotunda, mudando o seu rexistro habitual cara formas próximas ao cartoon ou á animación norteamericana de principios do século XX. As súas coidadísimas composicións lembran a Chris Ware, pero reinterpretándoo cunha finalidade práctica, narrativa. E sobretodo, Seth prescinde do ton solemne que tanto perxudicaba a A vida é boa… para adoptar unha perspectiva moito máis lúdica. Hai moito xogo en George Sprott (xogo narrativo, xogo gráfico), pero nin a emotividade nin a veracidade do relato se resenten.

Entradas relacionadas
Ventiladores Clyde
A vida é boa se non te rendes

Ningún comentario: