xoves, xullo 01, 2010

NonNonBa



NonNonBa (Astiberri, 2010) é, como todo retrato de infancia, a historia dunha aprendizaxe. Shigeru Mizuki segue o traxecto habitual das historias protagonizadas por neno, nas que o cativo vai deixando atrás a súa inocencia a medida que confronta as súas primeiras vivencias significativas no emocional. Mizuki fai que o protagonista (el mesmo, non esquezamos a condición autobiográfica do texto) medre físicamente, aínda que dun xeito case imperceptible para un lector entregado, ao longo do relato, en sutil correlación coa súa maduración anímica.

Probablemente, a compoñente fantástica sexa un dos elementos esenciais da obra. O pequeno Shigeru interpreta o mundo integrando pantasmas, espíritus e criaturas fantásticas, pola credulidade propria da súa idade e pola carismática influenza da súa aboa NonNonBa. Esta comunicación interxeracional deixa aos seus pais nunha posición interposta, illada. Alleos a calquera aproximación supersticiosa da realidade, ocupan o plano máis prosaico e materialista, a súa é a preocupación pola supervivencia, polo traballo, os ingresos, o porvir. O cativo escoita os consellos dos seus pais, mais tamén as consignas da aboa. O seu coñecemento do mundo resulta da aplicación das solucións de ambos. O autor parece querer validar as dúas perspectivas, demostrando que se a interpretación da realidade en clave máxica existe e se perpetúa é porque, ao seu xeito, funciona.

Ningún comentario: