xoves, xullo 15, 2010

Kiki de Montparnasse



Picasso, Hemingway, Stein, Apollinaire, Cocteau, Tzara, Matisse, Man Ray, Modigliani, Sartre… son figuras imprescindibles das artes e do pensamento cuxas traxectorias vitais coincidiron no París de principios do século XX. Este escenario, que xa fora retratado por autores como Nick Bertozzi ou Jason, é recuperado por José-Luis Bocquet e Catel Muller en Kiki de Montparnasse (Sins entido, 2007), biografía da modelo, actriz e cantante Alice Prin. Orabén, se en O salón e Non me deixes nunca o que predominaba era unha ollada autorial e distorsionadora dirixida a un fin desmitificador, Bocquet e Muller optan pola literalidade e a fidelidade histórica, ofrecendo un extenso relato sobre a traxectoria vital desta que foi musa de artistas como Soutine, Foujita ou especialmente Man Ray.

Se a vida de calquera dá para unha novela, é doado imaxinar a cantidade de materia narrativa que un pode atopar nas vivencias dunha muller como Prin, que asistiu directamente á fervenza artística do París de principios do século pasado, coñeceu a moitos dos seus protagonistas e actuou cunha liberdade e independencia inusuais para unha muller do seu tempo. É nese obvio anecdotario persoal no que se descansan os autores, que invirten máis esforzos en debullar episodios biográficos supoñemos que veraces que en perfilar psicolóxicamente aos seus protagonistas. Un ten a sensación de que a historia mudaría moito se o lector non fose consciente da relevancia histórica duns actores que aparecen retratados desapaixonadamente, estereotipados algúns deles. Bocquet e Muller emprenden unha viaxe longa pero non profunda, que aspira á trascendencia polo principio de autoridade antes que polos seus proprios valores e remata sendo o contrario do que se podería agardar considerando os seus protagonistas: convencional.

Entradas relacionadas
Non me deixes nunca
O salón

Ningún comentario: