mércores, xullo 04, 2012

Criminal: O último dos inocentes



A contraposición entre big city e small town é un tópico moi frecuentado pola ficción norteamericana. As pequenas vilas adoitan representarse coma o espazo no que ten lugar o tránsito da infancia á primeira idade adulta e no que o individuo comeza a definir a súa personalidade e formar a súa moral. A gran cidade é o destino ao que conduce a ambición e o desexo de madurar; representa as oportunidades, a posibilidade de medrar, mais tamén os perigos, a proximidade do pecado e o risco de dexeneración. É probable que esta visión recorrente, que tampouco é exclusiva da cultura norteamericana, reflicta a influenza dos relatos bíblicos (lembremos a Babilonia do Apocalipse) e en calquera reproduce ideas que veñen de antigo (pensemos no Beatus ille... de Horacio).

O último dos inocentes (Panini, 2012), a máis recente entrega da serie Criminal de Ed Brubaker e Sean Phillips, ofrece unha nova versión deste tópico, cun protagonista que retorna á vila natal (Brookview) tras un longo período na gran cidade (Nova York). Aínda que os autores elixen amosarnos o pasado dos personaxes na vila seguindo o rexistro gráfico dos cómics de Archie, a realidade reflectida afástase decididamente dos parámetros da comedia teen que a devandita cabeceira representa. Brubaker e Phillips matizan os tópicos sobre cidade e vila demostrando que a inocencia dos protagonistas comezara a esvaerse xa na primeira adolescencia e que a decadencia moral non é exclusiva do personaxe que viaxou á big city. Esta utilización de diversos códigos gráficos introduce unha notable novidade nunha cabeceira que ata de agora mantivera unha homoxeneidade formal absoluta, o que explica a grande atención que se lle ten prestado en críticas e recensións. Sen tratarse dun recurso totalmente novidoso (os mesmos autores fixeron algo semellante en Sleeper, onde Phillips se aproximaba ao rexistro gráfico do tebeo superheroico para narrar a adquisición de superpoderes polos personaxes, ou no uso paradigmático que Alan Moore e Rick Veitch lle deron en Supreme), a discordancia entre forma e fondo consegue darlle un xiro irónico coherente cunha trama que Brubaker pecha cun aquel cínico e descrido, moi propio do noir contemporáneo, pero non excesivamente habitual na cabeceira.

Entradas relacionadas
Criminal: Covarde
Criminal: Lawless
Criminal: Os mortos e os moribundos
Criminal: Mala noite
Criminal: Os pecadores

Ningún comentario: