segunda-feira, janeiro 21, 2013

Es a miña nai?

























Se en Fun home Alison Bechdel esmiuzaba a relación que mantivo co seu pai ata a morte deste, na máis recente Es a miña nai? (Mondadori, 2012) torna cara a súa nai para desenvolver un relato semellante, aínda que con matices diferenciadores. Non parece ilexítimo pensar que, dada a boa acollida daquel traballo, a autora aposta por repetir a fórmula coa esperanza de obter un resultado igualmente favorable. Porén, se acreditamos no que a propia Bechdel expón (e, tratándose dun traballo explicitamente biográfico, o crer na veracidade do narrado é unha das máis obvias obrigas do lector unha vez que se avén a ler a obra) debemos aceptar que o relato xurde dunha necesidade íntima da autora: a de discernir exactamente quen é a súa nai para chegar a comprender quen é ela mesma.

Coma en Fun home, en Es a miña nai? abundan as citas, aínda que as que poderiamos considerar estrictamente literarias son menos e practicamente todas referidas a unha única autora, Virginia Woolf, estando o texto inzado de mencións á psicanálise e os seus autores. A diferencia ten claras consecuencias, xa que a cita recorrente a Freud, Jung e Winnicott e a introdución constante de densos conceptos psicanalíticos non parecen facilitar a construción do relato, senón máis ben o contrario. Que con eses ingredientes a autora sexa quen de manter a coherencia e ofrecer ao lector un texto de interese di moito do seu talento e intelixencia, máis aínda se consideramos que o seu debuxo ten, ademais de virtudes innegables, claras limitacións. Dito iso, a cerebral sistematicidade do método empregado pola autora para analizar os seus lazos familiares dota a obra enteira dunha certa frialdade e dificulta a implicación do lector pola vía emocional. Persoalmente, non podo negar ademais certo desconcerto, ao comprender a necesidade íntima e privada que está na orixe da obra, mais non a necesidade de facela pública.

Es a miña nai? é unha demostración de teimosía por parte dunha Bechdel que non só se atreve a insistir nun camiño complicado, senón que asume ademais o risco de que o seu traballo sexa interpretado coma unha repetición do anterior. Asumindo que non se trata diso, xurde a pregunta de se, tras este traballo, hai aínda espazo para insistir pola mesma vía. E, de non habelo, a cuestión pasa a ser outra máis interesante aínda: que nova dirección tomará a autora?

Entradas relacionadas
Fun home

4 comentários:

Octavio B. (señor punch) disse...

Bechdel é unha autora (ainda neste coñazo de cómic)de verdadeira categoría estratosférica, polo que eu menteño o interese nela. Pero recoñezo que pra min foi o choff do 2012. Porque 'Fun Home' é un portento recomendable sen reservas.

Ollo de Vidro disse...

Ademais de parecerme claramente inferior a "Fun home", esta non me parece unha obra redonda; pero é que considerando os seus ingredientes é case un milagre que sexa lexible... E coido que os resultados están moi por riba diso. Teño curiosidade por ver cara onde tira agora.

Octavio B. (señor punch) disse...

"considerando os seus ingredientes é case un milagre que sexa lexible" XD
A verdade é que sí

laBaronesa disse...

Moitísimo mellor Fun HOme.