sábado, abril 13, 2013

Goliat




















Tom Gauld ofrece en Goliat (Sins entido e Apa-Apa, 2012) unha nova perspectiva sobre o relato bíblico de David e Goliat. Un recurso tan simple coma a inversión do punto de vista permítelle verter unha ollada renovada sobre un mito avellentado, practicamente esgotado na súa versión canónica. Adoptando a perspectiva do xigante, Gauld concédelle voz a aquel a quen sempre se lle negou, lembrándonos que de toda historia poden darse varias versións. O tradicional protagonista do mito, o futuro rei David, queda relegado a un segundo plano e a frialdade con que se nos presenta o seu proceder resulta unha esmagadora impugnación da súa figura. Escrito coma unha fábula inocente, o relato encerra un sutil discurso de indiscutible forza desmitificadora.

Imposible referirse a esta obra sen mencionar a súa extrema simplicidade. Simplicidade moi evidente no gráfico, dada a austeridade do debuxo: plano, de formas sinxelas e perspectivas elementais, sobrio nos fondos e coloreado a dous tons. Tamén no literario, dada a cobiza con que se administra a palabra. E finalmente, simple tamén no narrativo, cun argumento lineal e minimalista, de ritmo pausado e exento de efectismos. A frugalidade dos recursos gráficos empregados por Gauld érguese ademais coma unha provocación (probablemente non deliberada) para todos aqueles que non son quen de sobrepoñerse á súa brutal sinxeleza e apreciar as súas outras moitas virtudes. 

Sem comentários: