xoves, xullo 11, 2013

Batman desde la periferia. Un libro para fanáticos o neófitos

























Ademais dun dos personaxes de cómic máis populares, Batman é unha figura amplamente coñecida alén das viñetas debido á súa longa e habitual presenza noutros medios. Un libro para fanáticos o neófitos, o revelador subtítulo do recente Batman desde la periferia (Alpha Decay, 2013), expresa esta dualidade ao tempo que ilustra o dilema que debe confrontar o editor que decide poñer no mercado un libro sobre o Home Morcego. Dunha banda, pode dirixirse ao reducido grupo de seguidores fieis do personaxe, que adoitan ser lectores dos seus cómics e profundos coñecedores da figura; doutra, pode apelar a un colectivo moito máis extenso de persoas que teñen un coñecemento máis reducido e probablemente derivado doutras fontes (o cinema e a TV, fundamentalmente), mais que poden tamén ter interese por achegarse ao personaxe. Os primeiros son poucos pero incondicionais; os segundos son moitos máis pero tamén máis difíciles de seducir. Hai unha terceira posibilidade, probablemente a máis complicada: pretender dirixirse por igual a todos eles. Esta foi a opción elixida por Laura Fernández, Enric Cucurella e Ana S. Pareja, coordinadores do volume que vimos de citar, no que se recollen dez textos sobre o personaxe a cargo de autores diversos e que ofrecen outras tantas perspectivas sobre o mesmo.

O tópico da heteroxeneidade propio desta caste de libros colectivos resulta pertinente tamén neste caso. Os autores son distintos en procedencia, formación e traxectoria, e o mesmo acontece con cadanseus puntos de vista á hora de abordar o mito do Home Morcego. De querermos atopar unha nota común, esta sería a brevidade, non tanto no que atinxe á extensión dos textos, por outra banda moi homoxénea, senón ao feito de que practicamente todos eles apuntan ideas que poderían ter desenvolvido con maior detalle.

O primeiro texto, escrito por Juan Francisco Ferré, pode resultar paradigmático disto. Calquera visitante habitual do seu blog coñece a tendencia expansiva da súa prosa, mais neste caso o autor de Providence amosa unha infrecuente contención. A premisa de partida, a explicación da bonanza cinematográfica da figura superheroica polo seu axeitamento ás necesidades da sociedade contemporánea, tanto no económico coma no social-institucional, é interesante, mais fica apenas apuntada, sen maior desenvolvemento. Algo semellante acontece co resto do texto, no que Ferré non pasa de apuntar ideas tan suxestivas coma concisas sobre títulos da significación de O regreso do Cabaleiro Escuro, A broma asasina, Arkham Asylum ou as moitas adaptacións cinematográficas do personaxe.

Do mesmo xeito, non hai que ser un profundo coñecedor da galería de viláns de Batman para decatarse de que pode ser sometida  a unha análise abondo máis exhaustiva que a que leva a cabo Greg Baldino no seu texto. Dende unha perspectiva distante e sen a pretensión de ofrecer unha visión completa dos adversarios do Home Morcego, Baldino encadea unha serie de reflexións entre as que atopo especialmente interesante a que define o Espantallo coma representación dun mundo rural antitético do contorno urbano que no que cobra o sentido a figura de Batman.

Dous textos introducen cuestións de xénero na súa análise. Por unha banda, Laura Fernández ocúpase das dúas contrapartidas femininas do Home Morcego, Batwoman e Batgirl. Da primeira constata o abismo que afasta á Kathy Kane orixinal da recente Kate Kane, dous personaxes tan contrapostos coma as concepcións da bat-familia que sosteñen. Froito de cadanseus tempos, o contraste permite explorar algúns dos atributos da figura do Home Morcego (basicamente, a súa sospeitosa sexualidade) aínda que a conclusión pode ser simple: pasou moito tempo entre a concepción dunha e outra, cada unha é filla do seu tempo e ambas representan a mudanza dos valores socialmente predominantes na súa época. A seguir refírese ás diferentes mulleres que teñen actuado baixo  nome de Batgirl, con especial atención a Barbara Gordon pola súa evidente maior relevancia. Doutra banda, Elisa McCausland detense no estudo de varias figuras femininas da bat-familia, a Robin de O regreso do Cabaleiro Escuro (Carrie Keene Kelley), Batwoman (Kate Kane) e Batgirl (Cassandra Cain), expoñendo en cada caso a alternativa que cada unha delas supón á figura do Home Morcego, nun texto que consegue ser persoal sen perder exactitude e rigoroso sen caer nunha erudición que impida o achegamento de lectores non iniciados. Resulta moi interesante tanto a súa reivindicación de Cassie Cain, personaxe de pouca fortuna editorial e traxectoria un tanto errática que McCausland atribúe á súa rareza, coma a recondución de varias das Mulleres Morcego ao esquema de Primeira, Segunda e Terceira Muller suxerido por Gilles Lipovetsky.

Pola súa banda, Javier Calvo analiza o Batman de Grant Morrison demostrando un notable coñecemento do personaxe en todas as súas vertentes, especialmente na historietística, e tamén da obra do guionista escocés, o que non sorprenderá a quen coñeza minimamente a súa traxectoria ou a quen lera, por exemplo, a súa novela Mundo maravilloso. Non tendo lido eu a etapa de Morrison e considerando a falta de consenso a respecto da mesma, é moi de agradecer un texto coma este, que non só contén unha análise pormenorizada e rigorosa da mesma senón tamén unha posición franca de defensa do seu valor.

O texto de Eloy Fernández Porta explora a relación de Batman coa arte. Coma nel resulta habitual, a súa ollada é aberta e con tendencia á hipertrofia, abranguendo dende a irrupción do Joker no Museo de Gotham na adaptación fílmica de Tim Burton ata a apropiación do Home Morcego elevado á condición de icona pop por artistas contemporáneos de distintas tendencias. O texto ofrece interesantes mostras da frecuencia e variedade de perspectivas con que Batman vén sendo representado nas artes gráficas.

En maior ou menor medida, todos os artigos citados ata agora adoptan un punto de vista ensaístico no seu achegamento á figura do Home Morcego. Non é ese o caso dos textos de Blake Butler e Christophe Claro, que escriben dende unha perspectiva máis persoal e literaria. O primeiro ofrece unha visión do Home Morcego que non é tanto unha análise da figura coma unha reelaboración subxectiva, a relación das vivencias do escritor relacionadas co personaxe, a súa comprensión da icona co paso do tempo. Butler parte de anécdotas, da visión deformadora da infancia, de teimas persoais posteriores ou das malas xogadas da memoria para soster algunhas reflexións sobre o personaxe. Pola súa banda, Claro leva a cabo un exercicio narrativo con Batman como motivo, no que o autor desliza algunhas ideas sobre o personaxe, pero no que este está máis ao servizo do escritor que o contrario.

Pechan o volume dous textos sobre as recentes adaptacións fílmicas de Batman. O primeiro, asinado polo desaparecido Aaron H. Swartz, non é nin unha crítica nin propiamente unha análise do filme O Cabaleiro Escuro, segunda parte da triloxía de Batman de Christopher Nolan, senón unha relectura do seu argumento, que aparece descrito cun alto grao de detalle, á luz da teoría dos xogos. O seu achegamento resulta orixinal, mais as conclusións ás que conduce non difiren no esencial do moito que se ten escrito respecto da devandita fita. O artigo sería a derradeira anotación do autor no seu blog antes de se suicidar. Pecha o libro un artigo de Slavoj Zizek sobre The Dark Knight rises, terceira parte da triloxía de Nolan e filme que, pola súa condición de blockbuster hollywoodense cun subtexto político explícito, estaba predestinado a ser obxecto da análise do filósofo esloveno. O seu texto participa da habitual lucidez de Zizek sen chegar a resultar críptico nin abusar de tecnicismos psicanalíticos, como lle acontece en ocasións. A súa interpretación abrangue a triloxía de Nolan no seu conxunto, sen pasar por alto os elementos dickensianos que a propia película introduce vía cita. O resultado, coma moitos dos traballos do autor de Lacrimae rerum, invita á reflexión ou mesmo a un novo visionado da fita á luz da súa exexese.

Probablemente o libro cumpra o seu obxectivo e resulte apto para un amplo espectro de lectores, mais conségueo a cambio de renunciar á profundidade e tamén á coherencia interna. A contención da maioría dos autores e a súa renuncia (voluntaria ou inducida) a espremer ao máximo as posibilidades das súas achegas permítelles resultar máis accesibles, mais tamén limita o valor dos seus traballos. Simultaneamente e sen negar o interese da maioría dos textos, o conxunto deles resulta dispar e carente do mínimo de unidade que lle concedería ao volume unha voz unívoca. En definitiva, a imaxe do Home Morcego que ofrece Batman desde la periferia é poliédrica e un tanto inconexa, o que, por outra banda, podemos interpretar como unha expresión da complexidade que a figura ten adquirido a día de hoxe, froito das moitas vidas que leva vividas en medios diversos.

Ningún comentario: