sexta-feira, agosto 09, 2013

Skreemer

























Algunhas das cabeceiras máis influentes da primeira etapa do selo Vertigo, marca fundamental no cómic norteamericano dos 90, existían antes que o propio selo e foron reunidas dentro do mesmo tras a súa creación. É o caso de Sandman, Animal Man, Doom Patrol ou Swamp Thing. Tamén de Skreemer (Planeta, 2009), de Peter Milligan e Brett Ewins, obra que malia reeditarse habitualmente co selo de Vertigo na cuberta foi publicada orixinalmente por DC Comics en forma de serie limitada de 6 números en 1989, é dicir, catro anos antes de que a liña de cómic para adultos da compañía comezase a existir. A súa adscrición a posteriori xustificaríase no ton adulto do relato e tamén na orixe británica dos autores, elementos que resultarían característicos dos cómics Vertigo de principios dos 90.

Atopamos en Skreemer futurismo e violencia, dous ingredientes moi propios do cómic británico dos anos 80 (Judge Dredd, Rogue Trooper, Strontium Dogs...) do que ambos autores proviñan. Ambientada nunha Norteamérica distópica dominada por bandas mafiosas, a obra narra a loita do líder criminal Veto Skreemer por manterse no poder perante un inminente cambio de era. Argumentos clásicos coma o ciclo de ascensión e caída ou a imposibilidade de fuxir do destino conforman o núcleo dun argumento que, na tradición do mellor cinema de gangsters, xira arredor da figura dun Skreemer ao que Milligan pretende dotar dunha fasquía dramática, case shakesperiana. As constantes apelacións ao destino, as citas literarias (Finnegan's wake, tanto a novela de Joyce coma a canción popular irlandesa da que está tomado o título) ou a recorrente e moi teatral representación de Skreemer diante dun abismo evidenciarían o desexo demasiado obvio de Milligan de darlle profundidade á trama, o que remata por ser un obstáculo para o seu desenvolvemento. O traballo gráfico de Brett Ewins, de trazo ríspeto e escasamente vistoso, acompaña o relato correctamente, mais tampouco consegue engadirlle valor. A obra remata por diluírse nas súas pretensións.

Sen embargo e coas súas imperfeccións, Skreemer conserva aínda parte da súa forza primixenia e a súa lectura resulta interesante hoxe non só por ser o primeiro traballo de Milligan para o mainstream estadounidense no que agora se atopa solidamente instalado, senón tamén porque ilustra os primeiros intentos do cómic comercial norteamericano por abrirse a un público adulto, ao tempo que demostra que a estratexia adoptada non se limitou á fichaxe de creadores provenientes do mercado británico, senón tamén á importación de contidos claramente semellantes aos que levaban anos desenvolvéndose nas Illas.

Sem comentários: