martes, setembro 24, 2013

Saga 2

























Decepcionoume no seu día o tomo inaugural de Saga, a nova e moi premiada serie de Brian K. Vaughan con Fiona Staples. Como sinalei na entrada correspondente, a premisa pareceume tópica e o desenvolvemento plano, cun Vaughan que nin sequera destacaba nos seus habituais puntos fortes (os diálogos, os xiros argumentais) e unha Staples de trazo áxil e suxestivo mais, ao meu entender, de acabado artificioso. A lectura do segundo volume (Planeta, 2013), integrado polos capítulos 7 a 12 da cabeceira, ofrece unha imaxe máis completa da mesma e permite chegar a algún tipo de conclusión persoal, aínda que sexa provisional, acerca de se Saga é a grande obra que salientan uns, un hype de signo maior ou, se cadra, unha terceira cousa.

Coido que ninguén pode negar a estas alturas que Saga é unha serie de pretensións máis ben escasas. Se as liñas mestras do relato, trazadas xa nos primeiros capítulos, reservaban a orixinalidade para o ornamental (deseños e algún concepto de fondo) e se nutrían no esencial de tópicos abondo explotados é porque, finalmente, todo é un pretexto para a acción, a aventura e o folletín. Coas relacións afectivas e familiares coma ingrediente principal, Vaughan constrúe un relato unidireccional, moi centrado nos personaxes, dinámico e alleo a calquera complicación. Á altura deste segundo volume comezan a agromar as sorpresas, os cliffahngers e demais xiros argumentais marca da casa. O mesmo acontece cos diálogos, que recuperan o burbullar de obras precedentes.

Eficaz coma entretemento, a falta de complexidade da narración fai que resulte satisfactoria só a cambio de renunciar a calquera outra aspiración. Hai aventura e diversión, pero máis aló do gozo inmediato, a obra resulta oca. Nin os personaxes están ben definidos, nin a trama parece gardar segredo algún, nin hai indicios da existencia dun gran plan detrás da narración. Pola contra, todo indica que, como acontece con moitas series de televisión, formato ben coñecido por Vaughan, estamos perante unha fórmula que se prolonga no tempo e que, presumiblemente, seguirá facéndoo na medida en que o público a apoie e o autor vaia atopando saídas creativas.

Entradas relacionadas
Saga 1

Ningún comentario: