terça-feira, dezembro 16, 2014

Elipses e sombras: Inventario de beleza cotiá

Catálogo oneroso de beleza gratuíta
 
Fran Bueno presenta estes días Catálogo oneroso de beleza gratuíta, un álbum intimista e de grande beleza plástica co que resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada 2013. A obra amósanos unha nova faceta na carreira do seu creador, a do artista que fala en primeira persoa e se presenta ante o lector sen intermediarios.

Fran Bueno é un autor cunha extensa traxectoria no eido da banda deseñada e a ilustración. Gañador de diversos certames de cómic a finais dos 80, a súa carreira profesional comezaría con obras coma O máxico arrecendo e varios cómics divulgativos de temática medioambiental elaborados para o Consello da Cultura Galega. Coa escritora Marilar Aleixandre crearía a serie infantil Os escachapedras, que vería a luz na revista Golfiño e sería publicada posteriormente na revista Oink!. Nos últimos anos ten traballado para o mercado internacional, colaborando co escritor Pierre Veys no serial Sales coups sur Strombo, aparecido na revista francesa Lanfeust, e posteriormente abríndose paso no mercado norteamericano con cabeceiras coma Causas nobres e Amor infernal, escritas ambas por Jay Faerber. Tamén colabora de forma habitual coa editorial Xerais, para a que ilustra de libros de narrativa infantil e xuvenil.
 
Non resulta estraño que Bueno se defina na súa web coma alguén que “consegue que lle paguen polos seus garabatos” e “que vai por aí presumindo de profesional, emitindo facturas e todo”. É probable que ata agora sexa precisamente a súa solvencia profesional, a súa versatilidade e capacidade para mudar de rexistro e axustarse ás esixencias de xéneros diversos, o que mellor define a súa traxectoria. Se cadra por iso, pola súa extensa carreira traballando ao ditado doutros escritores, poderiamos caer no erro de pensar que carece dunha voz de seu. De aí a relevancia do seu traballo máis recente, Catálogo oneroso de beleza gratuíta, que supón un rotundo desmentido desta idea, e non só por ser Bueno o autor único da mesma, senón tamén porque o seu principal propósito semella ser precisamente o de ceibar a súa voz e ofrecer unha visión do mundo de matiz marcadamente persoal. Como reza o título, Bueno fai inventario da beleza cotiá, lembrándonos que moitas das cousas que nos rodean poden contribuír a facernos felices, aínda que sexa só por uns intres. E faino en primeira persoa, dirixíndose ao lector directamente, sen intermediarios. Os lances narrativos son mínimos, case inexistentes. O que predomina é a voz do autor, a expoñerse diante dos lectores.
 
Catálogo oneroso de beleza gratuíta resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada que organiza a Deputación da Coruña. O xurado destacou, entre outros aspectos, a perfección técnica do desenvolvemento gráfico de Bueno, algo que está fóra de dúbida, e non só pola beleza dos seus deseños, senón tamén pola intelixencia con que relaciona imaxes e significados. Fronte as ilustracións que reproducen de forma literal a idea á que se refiren, atopamos outras que o fan de forma metafórica e, entre estas, as que máis destacan son aquelas que se valen da ironía. Bueno desprega un sentido do humor pícaro e retranqueiro que non só arranca sorrisos do lector, senón que funciona coma un atinado contrapunto ao ton intimista que predomina na obra.  
 
Tería visto a luz este cómic de non ter sido gañador do Premio Castelao? É moi probable que non, e non por un problema de calidade, senón pola súa escasa vocación comercial e polas reducidas dimensións do mercado da banda deseñada. Velaí un exemplo da importancia, mesmo da necesidade, deste tipo de certames, que contribúen a suplir as eivas do mercado e facer visibles obras que dificilmente serian publicadas doutro xeito. E neste caso, que nos permiten achegarnos a un autor que xa coñeciamos na súa versión máis xenuína e persoal.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 15 de decembro de 2014]

Sem comentários: