quinta-feira, março 19, 2015

Elipses e sombras: Retrato da desprezable natureza humana

Las cosas de la vida - Integral
 
A editorial Fulgencio Pimentel recupera en versión integral Las cosas de la vida de Gérard Lauzier, un cómic que retrata sen misericordia as convulsións políticas e sociais que se viviron en Francia entre os anos setenta e oitenta do pasado século. Unha obra fundamental dun artista que non merece caer no esquecemento.
 
A chegada de Gérard Lauzier á banda deseñada foi serodia. Contaba xa corenta anos cando, en 1974, comezou a colaborar de forma habitual coa revista Pilote, unha das cabeceiras históricas do cómic francófono. A súa carreira como historietista foi breve pero intensa, cunha produción considerable e sobre todo influínte. A principios dos oitenta Lauzier era un artista popular entre os lectores, celebrado pola crítica e cunha notable proxección internacional. Case toda a súa obra foi publicada en España de forma practicamente inmediata, en revistas coma Blue Jeans, Bésame Mucho e Totem ou compilada en formato álbum. Sen embargo, nos anos noventa, Lauzier afastaríase do medio para probar sorte coma dramaturgo, guionista e director de cine, e só de forma esporádica volvería facer cómic antes de morrer no ano 2008. Malia a popularidade de que gozou no seu tempo, Lauzier levaba anos practicamente esquecido. De aí o valor da recente recuperación de Tranches de vie, un dos seus títulos máis senlleiros, a cargo da editorial rioxana Fulgencio Pimentel, que trae de novo á actualidade unha figura esencial da BD europea do século pasado e achega unha das súas obras máis representativas a unha nova xeración de lectores.
 
Compoñen o integral Las cosas de la vida unha longa serie de relatos breves e sen protagonistas fixos nos que Lauzier deixa testemuño do tempo que lle tocou vivir. A partires de mediados dos setenta a Guerra Fría entraba na súa fase final, o bloque soviético revelábase coma un xigante de cartón mentres o movemento hippie e a contracultura esmorecían e, con eles, o sistema de vida alternativo que propuñan. O capitalismo comezaba a reinar sen contrapesos, Reagan e Thatcher estaban á volta da esquina, mentres en Francia as clases adiñeiradas contemplaban con desconfianza o ascenso da popularidade de Mitterrand. Lauzier ofreceu un retrato desapiadado deste mundo e fíxoo sen espaventos nin excesos formais. Ao contrario, a súa técnica foi sempre máis sutil e, se cadra por iso, máis destrutiva. Abondáballe con concederlle a palabra a uns e outros, deixalos falar e facer que foran eles mesmos os que se puxesen a soga no pescozo.
 
Lauzier moquéase das clases acomodadas, os burgueses e triunfadores do sistema capitalista, que presenta coma seres embrutecidos e insensibles que non teñen problema en valerse das súas vantaxes e impoñerse aos desfavorecidos. Raro é o relato do que non saen finalmente vencedores e cando non é así é por seren vítimas só da súa propia hipocrisía. Canda eles, Lauzier cébase tamén con aqueles que manteñen unha oposición finxida ao statu quo, personaxes que proclaman unha disidencia que se demostra falsa a pouco que se ven comprometidos.
 
Mais estes son obxectivos fáciles. É probable que un dos aspectos máis destacables da obra de Lauzier sexa a súa vontade de escarnecer tamén a aqueles que se opuxeron ao réxime capitalista con convicción e sen imposturas, persoas que loitaron de forma auténtica por erguer un modelo de sociedade máis xusta e cuxo fracaso resultaba patente xa daquela. É fácil simpatizar con estes personaxes e por iso a burla de que son obxecto resulta dobremente ferinte. Lauzier obvia as súas boas intencións e ridiculiza a súa inxenuidade, o seu idealismo e falta de sentido pragmático, cando non se limita a constatar o seu fracaso. “A burguesía está totalmente inmunizada”, di un dos seus personaxes. “Hai veces que me pregunto se nós, os punks, os roxos, os ecoloxistas non seremos unha especie de virus que coas nosas agresións obrigamos á sociedade capitalista a fabricar anticorpos e se finalmente non a estaremos fortalecendo”. Esta visión derrotista, próxima ao nihilismo, explica que o autor gozara de poucas simpatías entre moitos intelectuais de esquerda do seu tempo. Xunto a crítica política, o autor revela tamén a súa persoal visión sobre as relacións familiares e de parella, o sexo, o multiculturalismo, a antipsiquiatría ou a arte moderna. Nada escapa do cruel escrutinio dun Lauzier que fai gala dunha incorrección política avant la lettre, sutil nas formas mais demoledora no fondo.
 
Un ten a tentación de afirmar que unha obra como Las cosas de la vida segue a gozar de plena actualidade hoxe, máis de trinta anos despois da súa publicación orixinal. Non é certo. O título contén unha lúcida visión do mundo tal e como era hai tres décadas e constitúe un testemuño privilexiado para coñecer aquel contexto histórico dende a persoal perspectiva do seu autor. O que si segue vixente é a agudeza no ollar de Lauzier, a intelixencia da súa crítica e a súa vontade de non facer distincións entre aqueles que son obxecto do seu escarnio. A reedición deste título e a recuperación da súa figura son boas novas que cómpre celebrar.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de marzo de 2015]

Sem comentários: