sábado, maio 23, 2015

X-Statix: Buenos presagios


Xa en 1992 houbo quen entendeu que a evolución natural do superheroe era a superestrela. Foi Rob Liefeld, quen quixo que os seus Youngblood fosen, ademais de xusticieiros superpoderosos, fenómenos mediáticos cun departamento de marketing na súa organización, adorados por unha lexión de fans e sometidos a constantes compromisos publicitarios. Non valoraremos a finezza con que o artista californiano explorou esta premisa (ou calquera outra) na súa rudimentaria serie estrela, mais recoñezámoslle que soubo facer unha lectura correcta do tempo que estaba a vivir e  trasladala ao cómic de superheroes. O cambio tecnolóxico de finais do século XX trouxo consigo unha multiplicación do alcance dos medios de comunicación de masas e isto traduciuse nun crecemento da dimensión das figuras populares. As estrelas (actores e actrices, cantantes, modelos, presentadores de TV, artistas...) pasaron a ser superestrelas, máis coñecidas, máis influentes, máis ricas e tamén máis expostas ao público. De aí que resulte lóxico supoñer que, de existiren nun mundo así, os superheroes estarían na cerna do foco mediático.

O seguinte paso chegaría á volta duns anos, cando a popularidade deixou de ser consecuencia para converterse en causa. Os medios pasaron de falar de estrelas a crear estrelas. O mérito previo que xustificaba a exposición mediática esvaeceu, a xente deixou de saír nos medios por ser coñecida e pasou a ser coñecida por saír nos medios. Hoxe o crucial xa non é facer senón facer coma quen, representar. A resposta a como encaixarían os superheroes nesta nova realidade atopámola naqueles primeiros X-Force de Peter Milligan e Mike Allred e, con máis intensidade aínda, na que foi a súa continuación, X-Statix. Os integrantes do supergrupo (?) concibido por Milligan e Allred non son heroes xa que carecen do elemento definitorio por excelencia do superheroe tradicional, o seu inexpugnable sentido ético. A súa incorporación ao grupo prodúcese mediante un casting ao que concorren por motivos pouco altruístas (fama, diñeiro) e no que o que se valora non son nin as súas habilidades extraordinarias nin moito menos a súa vontade de servizo ao ben común, senón a súa capacidade para seducir a audiencia. Lóxico se consideramos que as incursións supostamente heroicas do grupo están amañadas e non perseguen outro fin que o de seren difundidas polos medios para divertir a audiencia. No capítulo 3 da serie, o personaxe coñecido coma o Anarquista confesa: "No luchamos contra nadie. No salvamos el mundo. No hacemos el bien". Cando o Orfo lle pregunta que é o que fan entón, contesta: "Entretener". Con esta verbalización probablemente innecesaria, Milligan define os seus X-Statix coma un reality-show, un espectáculo que se ofrece á audiencia como auténtico cando se trata de simple representación. A xustificación heroica non é máis que unha premisa argumental coma o son a procura de talento ou as vivencias extremas (illamento, supervivencia...) nos realities televisivos.

Malia parecer unha dexeneración extravagante do xénero superheroico, X-Statix é un cómic que fala do presente e describe a realidade con maior fidelidade que calquera serie convencional de superheroes. Case quince anos despois de que Milligan e Allred abriran este burato nas marmóreas convencións do xénero, as grandes compañías seguen sen deixarse caer por el. Os motivos coñecémolos todos, hai xeitos máis sinxelos de facer diñeiro. Mais a costa, iso si, ceder a outros a posición de vangarda do xénero superheroico. E cada día máis.

Ningún comentario: