quinta-feira, fevereiro 18, 2016

Elipses e sombras: Persoal e político

Julie Doucet. Cómics 1986-1993

Fulgencio Pimentel publica o primeiro volume da obra completa da historietista canadense Julie Doucet, unha das voces máis persoais e influentes do cómic underground de finais do século XX.
 
Julie Doucet comezou a autoeditar o seu fanzine Dirty plotte cara 1988, cando contaba pouco máis de 20 anos e estaba a rematar os seus estudos de Arte na Universidade de Quebec. Nun período de menos de dous anos e sen deixar de colaborar con outras publicacións semellantes, Doucet foi quen de elaborar integramente ata catorce revistiñas que posteriormente fotocopiaba e distribuía en tendas nas que se comercializaban outros produtos underground. Algo máis que transgresión e espírito punk debía de haber naquelas páxinas cando a editora Drawn & Quarterly, peza esencial do cómic independente canadense, convidou á autora a publicar a súa revista de forma profesional baixo o seu paraugas editorial. Nos oito anos seguintes, Doucet ofrecería novas achegas de Dirty plotte ao tempo que colaboraba con outras iniciativas do cómic independente, confirmándose coma unha das voces máis singulares da súa xeración.
 
Con excelente criterio, a editorial rioxana Fulgencio Pimentel emprendeu o ano pasado a publicación da obra completa da autora canadense, da que ata agora só existían en castelán uns poucos títulos que levan anos descatalogados. Julie Doucet. Cómics 1986-1993 recolle tanto a súa primeira etapa fanzineira coma parte da súa posterior andaina baixo o selo de Drawn & Quarterly, o que nos proporciona unha perspectiva axeitada para contemplar a súa evolución artística. Nos seus primeiros cómics, cicelados no papel a punta de rotring, abundan a violencia e o sexo turbio percorridos por unha sensación de absurdo. Pequenos relatos truculentos, impregnados de humor negro que se poden reconducir facilmente aos esquemas do cómic underground pero que tamén nos permiten entrar en contacto con algunhas das que posteriormente se confirmarían coma constantes da súa obra.
 
O cambio cualitativo acontece cando a autora se sitúa a si mesma no centro das súas creacións, substituíndo o mosaico de narracións inconexas por unha reste de relatos nos que ela mesma é a protagonista, o que nos permite vinculala a outros nomes significativos do underground norteamericano que naqueles anos optaron tamén pola autobiografía e as ficcións do eu. Autores coma Robert Crumb, Joe Matt ou Harvey Pekar inxectaban realidade a un medio, o cómic, que na súa versión máis comercial semellaba demasiado acomodado nos relatos de evasión. No caso de Doucet, as narracións en primeira persoa semellan ser algo intensamente persoal, unha ferramenta para comprenderse a si mesma antes que unha forma de intervención. A súa é unha obra torrencial e catártica, na que a reflexión segue ao relato e non ao contrario. A identidade está na cerna dos seus cómics, sexan estes ficcións, vivencias ou soños narrados: o autoconcepto, a percepción de si mesma; a familia, a relación coa nai, conflitiva malia ser exposta con humor; as expectativas familiares ou mesmo sociais sobre a súa persoa; o xénero, a feminidade, a identidade sexual; o futuro laboral, a integración social. Os seus traballos poden lerse, e así se ten feito, en clave feminista ou coma discursos de xénero. O retrato xeracional semella tamén evidente, ao recoller a confusión, o desengano e a falta de expectativas dos mozos e mozas que descubriron a finais dos 80 que a Arcadia capitalista non era o que lles prometeran. A obra de Doucet confirma ata que punto o persoal é político. 
 
Achegarse a Doucet é unha experiencia esixente para calquera lector. O seu grafismo érguese coma unha grosa coiraza, as súas páxinas son densas, dun detallismo abafante. Abundan as imaxes agresivas, a escatoloxía, as mutilacións, o sangue, a exposición nada glamourosa de corpos espidos. Pero errará quen entenda que a autora non ten outra pretensión que a de escandalizar ao lector. En Doucet a transgresión vén sempre da man dun discurso tan sincero que chega a resultar inxenuo. Os seus relatos son dunha honestidade amarga, conmovedora. É difícil non apreciar o moito de si que a autora deixa en cada viñeta. Dificilmente pode abordarse a transición dende o cómic underground cara o cómic de autor dunha das máis talentosas xeracións de historietistas norteamericanos (Robert Crumb, Daniel Clowes, Peter Bagge) sen contemplar a súa figura, como tampouco se pode negar a súa influenza na máis recente vaga de cómic autobiográfico (Chester Brown, Marjane Satrapi, Craig Thompson). A recuperación da súa obra é ante todo un acto de xustiza, un recoñecemento merecido a unha creadora única.
 

Sem comentários: