luns, marzo 07, 2016

Arenas movedizas

























Cando case van alá trinta anos dende a caída do Muro de Berlín resulta difícil aceptar que a mesma Alemaña que hoxe leva a Europa da correa fose hai tres décadas un país dramaticamente dividido e cunha capital, Berlín, esgazada por un muro fantasmal. A idea de dúas comunidades veciñas que viven en mundos opostos ás dúas beiras dunha mesma parede semella máis o escenario dunha distopía que un feito histórico do noso pasado recente. O muro, a stasi, as fugas, o pobo asoballado, a cidadanía resistente... fascínannos por pareceren ingredientes dunha fábula sobre o totalitarismo e non ese mesmo totalitarismo na súa substancia real. E por se non fose abondo, o capítulo final do Muro, o incidente que deu lugar á súa caída de vez, imprímelle ao relato un aquel de ópera bufa, a constatación da esclerose do réxime a través da torpeza dun dos seus xerifaltes condecorados.

Os escritores Alexander Lahl e Max Mönch, xunto coa ilustradora Kitty Kahane, ofrecen en Arenas movedizas (Impedimenta, 2015) un retrato deste momento crucial do século XX a través do o periplo na RDA do xornalista norteamericano Tom Sandman, desprazado a Berlín semanas antes da caída do Muro. A relación que establece coa disidente Ingrid Bärwolf e a súa familia válelles aos autores para rebaixar o ton documental, descendendo dende a grandeza dos acontecementos ata o plano persoal e deixando testemuño da vivencia da falta de liberdades entre os cidadáns de Berlín Leste. Lonxe de limitarse a relatar episodios de represión ou intentos de fuga, os autores retratan a intromisión do Estado na esfera privada dos individuos, condicionando as relacións familiares e as eleccións individuais. Talvez porque os personaxes resultan demasiado arquetípicos (forman a familia un vello militante comunista, unha deportista de elite e un garda fronteirizo), porque a historia de amor ten algo de rutinaria e predicible, ou talvez polo propio magnetismo dos feitos históricos, son estes os que rematan tomando o control do relato e deparando os mellores momentos dun volume que ademais nos permite entrar en contacto coa escena actual do cómic alemán.

Ningún comentario: