quinta-feira, junho 09, 2016

Los Kurdles




















Unha tropa de personaxes riquiños, un escenario fantástico, unha historia de cooperación e integración no grupo... Contemplado peza a peza, Los Kurdles (La Cúpula, 2016) podería pasar por un conto para nenos e nenas. As súas páxinas desprenden tenrura, esperanza e optimismo, mais tamén é posible atopar nelas un aquel estraño, un arrecendo indefinido que nos fai estar alerta. Pode ser o cruel abandono inicial de Sally, a ursiña de peluxe que protagoniza o relato, vítima do desinterese da nena que era a súa dona; ou un deseño de personaxes aos que Robert Goodin engade sempre unha pincelada inquietante; ou máis xenericamente, un desenvolvemento gráfico no que se intúe a influencia do underground e do cómic de autor norteamericano máis recente. Diríase que Goodin envelenou o seu relato, achegándoo ás revisións entre melancólicas e sinistras do imaxinario infantil que con tanta lucidez teñen explorado autores coma Edward Gorey ou Maurice Sendak. Mais fíxoo con sutileza, sen caer en subliñados nin esteticismos estériles à la Burton. Los Kurdles consegue ser amable e desacougante, un relato sinxelo pero con varios mundos dentro.

Sem comentários: