domingo, outubro 23, 2016

El New Deal

























Jeff Jensen e Jonathan Case déronse a coñecer en 2011 con El asesino de Green River (Norma, 2013), obra que recreaba dende a ficción o caso real do asasino en serie norteamericano Gary Ridgway. A metade de camiño entre o thriller e o documental, un dos méritos de Case naquel traballo era precisamente o de ser quen de darlle resposta á dobre natureza do título. Por unha banda, mantiña un rexistro realista que lle confería ao relato a verosimilitude imprescindible; por outra, o seu uso do claroscuro aproximábano ao relato criminal, de cuxos clixés narrativos a obra participaba decididamente. O resultado foi un traballo sen apenas fendas que lles valeu aos autores un Premio Eisner en 2012 e tamén a candidatura ao Premio á Mellor Obra Estranxeira do Saló de Barcelona de 2014. No caso de Case, traballos posteriores como o suxestivo Dear Creature ou a súa andaina en DC Comics (Batman ´66; Superman: American alien) revelárono ademais coma un artista versátil, capaz de modular os seus rexistros segundo as características do proxecto. El New Deal (Sapristi, 2016) confirma esta percepción, amosando unha nova faciana do seu autor, agora como responsable único do título.

A obra transcorre na Gran Depresión norteamericana, isto é, o contexto que viu nacer o xénero negro e no que os seus autores máis senlleiros, Hamett e Chandler, ambientaron uns relatos que deixaban constancia do clima de corrupción e decadencia moral que asolou á sociedade estadounidense despois do Crash do 29. Non semella que esta elección sexa irrelevante, o propio título da obra fai referencia ao seu marco histórico, deixando claro que entre as prioridades de Case está a de retratar un período fundamental na historia recente dos Estadois Unidos. Sen embargo, no canto de optar pola que sería a elección máis natural e acollerse aos lugares comúns do noir, o autor prefire presentar ao lector un relato de aparencia amable, case un divertimento detectivesco no que por non haber non hai nin mortes, senón un simple roubo. O relato transcorre no Waldorf Astoria, un dos hoteis máis luxosos de Nova York e o lugar onde a sociedade adiñeirada e os privilexiados da clase traballadora manteñen unha aséptica interacción. O roubo dun valioso colar de can propiedade dunha anciá desencadea unha investigación policial que ten como principais sospeitosos a dous empregados do hotel, un ordenanza endebedado e unha limpadora preta. O Waldrof Astoria convértese así no teatriño no que se escenifican as profundas desigualdades dunha sociedade inxusta, na que os dereitos de que se goza dependen do estrato no que se atope cada un. Ricos fronte a pobres, brancos fronte a negros, homes fronte a mulleres.

Un dos acertos da obra é a de presentar a súa compoñente de denuncia disfrazada de frívolo enguedello policial, subvertendo a tradicional concepción do detectivesco (especialmente o de estirpe británica) coma produto da burguesía a maior gloria de si mesma. Case pretende atrapar o lector sen adoutrinalo ou, cando menos, sen facelo de forma ostentosa. Contribúe a crear este clima de inxenuidade un debuxo próximo á liña clara norteamericana, de trazo estilizado e co branco como cor predominante, matizada tan só por un sombreado azul lixeiro. É posible que a facilidade con que se dixire El New Deal xogue na contra da súa mensaxe reivindicativa mais, en calquera caso, Case demostra con este título ser un debuxante de talento, ademais dun autor que confía na capacidade do lector para ir máis aló da literalidade do discurso.

Sem comentários: