sábado, dezembro 31, 2016

Un mes, tres viñetas: Decembro 2016

Portada de Jim Steranko para X-Men #50, unha das mellores de 1968














28 de Decembro. O mellor de 2016. Achégase o final do ano e, como sempre, comezan a proliferar as listas co "mellor do ano". Esta casa segue unha tradición dende a súa fundación, a de resistir e non facer nunca algo así. Primeiro porque non hai ninguén agardando que o faga e segundo porque dende sempre penso que o único sentido destas listaxes é discrepar. Como discrepar da miña propia lista sería algo bastante estúpido prefiro a solución ecolóxica, non producir. Hai unhas listas estupendas aí fóra e se alguén quere coñecer a miña opinión abonda con que saiban que discrepo de todas.

Sr Chinarro por José Pablo García, non teñen culpa

















29 de Decembro. Unha faneca brava. Remato decembro lendo a que probablemente sexa a peor novela gráfica que pasou polas miñas mans nos últimos anos, un mangado de tópicos e ideas copiadas (conscientemente ou non) no que poden lerse frases gloriosas como "el sabor de su sexo es la droga más potente y pura de este mundo", "siempre que escucho Gran poder de Sr Chinarro pienso en Spiderman" ou a miña favorita "me despierto despeinado".  Tanto me sorprende que algo así apareza co selo dunha editorial de criterio contrastado que a sensación final é de ledicia. Mergullar nas novidades editoriais cada mes é un deporte razoablemente seguro. Hai bos creadores facendo bos cómics e hai editores que coñecen ben o seu oficio. De cando en vez un pisa unha faneca brava, pero non deixa de ser algo pouco habitual. Tan pouco habitual como espertar espeluxado, por dicir algo.

Os Teen Titans debuxados por un titán, Darwyn Cooke














30 de Decembro. Optimismo. O tempo, ese asasino que Machado imaxinou armado cun sacho, tivo no 2016 un dos seus heraldos máis espelidos. Despois de apagarlle a luz a David Bowie, a Prince e a Leonard Cohen, este exterminador de iconas pop aínda quixo apurar ata o final levando a Carrie Fisher e a súa nai, Debbie Reynolds. No mundo do cómic, este ano perdemos (disimulen os esquecidos) a Agustín Fernández Paz (sempre o incluirei nesta categoría e non só como o excelente escritor que foi), a Víctor Mora, a Steve Dillon e a Darwyn Cooke. Permítanme que teña unha lembranza especial para este último, debuxante luminoso, de talento inmenso, que sempre fixo do seu debuxo un convite ao optimismo. Co xorne que está collendo o mundo, imos precisar optimismo a mancheas para 2017. Vémonos alí.

Sem comentários: