venres, agosto 17, 2018

Vida e obra dun anarquista vigués

Ricardo Mella. O home novo

O terceiro traballo dos irmáns Xosé e Ramón Trigo recupera a figura do escritor anarquista Ricardo Mella.
 
Malia existir consenso sobre a súa relevancia dentro do pensamento anarquista español, o tempo presente non garda unha lembranza especialmente viva da figura de Ricardo Mella (1861-1925). Vigués de nacemento, a súa foi unha vida consagrada ao activismo político, fundamentalmente mediante unha produción literaria que lle valeu o recoñecemento dos seus coetáneos, mais tamén a través dun compromiso vital que foi alén da súa faceta de escritor. Mella foi un pensador comprometido co seu tempo, que participou activamente nas loitas obreiras do cambio de século e padeceu a represión do poder político ao que desafiaba. No profesional, exerceu a súa carreira de topógrafo, participando na construción do ferrocarril en Galicia e Asturias, e rematou a súa traxectoria dirixindo da Compañía de Tranvías de Vigo. O rueiro daquela cidade garda memoria do seu nome, pero é o persoeiro realmente coñecido entre os vigueses e os galegos?
 
O feito dos irmáns Trigo consagraren o seu novo traballo á figura de Mella semella responder ao desexo de combater este esquecemento e traer de novo á actualidade o seu legado. Ricardo Mella. O home novo xorde dunha campaña de micromecenado na rede, mediante a cal os autores sortearon as eivas do sistema editorial galego e acadaron os apoios necesarios para produciren este álbum que debulla os principais episodios vitais do anarquista vigués. Foi no enterro do poeta Carlos Oroza, falecido en 2015, onde agromou nos autores o desexo de dedicarlle un libro a Ricardo Mella. De aí que a obra comece cun improbable diálogo entre Oroza e Mella, no camposanto de Pereiró, e remate cun paseo de ambos polas rúas de Vigo. Unha parella estraña, dúas figuras singulares cuxos nexos se explican mellor na ollada dos autores que na súa propia semellanza. Hai nestas pasaxes fabuladas unha intención poética ausente no resto da obra, consagrada a unha exposición máis convencional da vida e obra do escritor anarquista. Os irmáns Trigo van facendo parada nos principais eventos da vida de Mella, deixando constancia da súa posición nos acontecementos históricos que viviu e alternando con pequenos extractos da súa escrita e do que sobre el escribiron outros. A pulsión divulgativa remata por apropiarse da obra, desembocando nunha biografía convencional na que o que máis chama a atención son as posicións políticas de Mella, dun idealismo que hoxe consideraríamos inocente e só comprensible como consecuencia dun irremediable optimismo antropolóxico.
 
Ramón Trigo insiste no seu debuxo neboento, no que os detalles fican agochados polo predominio da mancha e da sombra. En Ricardo Mella. O home novo apenas se distinguen rostros agás no caso dos retratos de persoeiros históricos (Piotr Kropotkin, Mijaíl Bakunin, Ferrer i Guardia) que aparecen espallados pola narración, e mesmo neses casos, as faccións individualizadoras xorden apenas dun trazo conciso ou da insistencia dunha sombra carbonosa. Predominan as siluetas sombrías contempladas dende a distancia e unhas paisaxes bretemosas que nos falan dun mundo no que a luz eléctrica non acadara aínda a súa omnipotencia actual. É probable que sexa na representación da I Guerra Mundial onde o seu debuxo acade maior forza expresiva. 
 
Apenas tres títulos conforman a produción conxunta dos irmáns Trigo (O burato do inferno, Lobada e esta mesma), tres obras singulares, de difícil encaixe nos escasos marcos dos que dispón a banda deseñada galega actual, e nas que os seus propios intereses persoais se mesturan coa riqueza do noso propio pasado histórico.

Ningún comentario: