venres, abril 17, 2015

Miracleman: El síndrome del Rey Rojo

























Entre finais dos setenta e mediados dos oitenta algunhas das figuras máis senlleiras do cómic de superheroes produciron os mellores traballos das súas carreiras, dando lugar ao que podería considerarse unha etapa dourada do xénero. Sen desviarse das estruturas clásicas nin poñer en cuestión as súas premisas fundamentais, autores como Chris Claremont, John Byrne, Walter Simonson, Jim Starlin, Frank MillerMarv Wolfman e George Pérez levaron a cabo unha fonda remuda do relato de heroes enmascarados, ofrecendo unha versión do mesmo adaptada aos cambios sociais. En contraste coas fantasías xuvenís, a diversión lixeira e a exaltación do enxeño propias das orixes, os novos relatos resultaban máis complexos, con argumentos que incorporaban novos dilemas, moitos deles de actualidade social, case todos máis graves e dramáticos. Os personaxes humanizábanse, desprendíanse da súa simplicidade primixenia e a súa psicoloxía comezaba a amosar medos e inseguridades. En definitiva, o xénero expandeuse ata alcanzar uns límites que serían sobordados axiña. En 1986, WatchmenBatman: Dark Knight returns, excederon con lucidez as convencións do xénero e formularon en voz alta algunhas das súas contradicións, deixando unha pegada que determinaría a súa evolución nos anos seguintes.

Un dos motivos polos que a reedición actual de Miracleman, trinta anos despois da súa publicación orixinal, resulta interesante é porque nela Alan Moore, denantes de saírse das marxes e ollar os superheroes do outro lado do espello, se move dentro das premisas tradicionais do xénero (tamén o faría despois de Watchmen, aínda que por pouco tempo e sempre con tendencias centrífugas). E así, os primeiros números da cabeceira están consagrados a recoller o imaxinario dun superheroe nacido nos anos cincuenta e transformalo nun produto apto para o consumo nos oitenta, o cal implicaba necesariamente darlle unha carga de profundidade psicolóxica, mais tamén envolvelo nun negror ata entón descoñecido para o personaxe. Nos capítulos recollidos no primeiro tomo da serie, El sueño de volar (Norma, 2014), o novo Miracleman renacía nun mundo escuro e salvaxe que o escritor identificaba coa Inglaterra de Thatcher.

Nos primeiros capítulos de El síndrome del Rey Rojo (Norma, 2015), segundo tomo da serie, atopamos outro tropo habitual da redefinición das ficcións superheroicas dos 70-80, nos que a posta ao día do heroe vén sempre acompañada da dos seus adversarios, que adoitan perder teatralidade e grandilocuencia para tornaren en seres máis sinistros. Personaxes coma o Doutor Morte, Kingpin ou Magneto gañaron en matices da man de escritores coma John Byrne, Frank Miller ou Chris Claremont, converténdose en figuras ambiguas, de motivacións máis verosímiles e moito máis útiles en narracións que pretendían resultar máis complexas que as que as precedederan. Isto mesmo é o que fai Moore co Doutor Gargunza, rival de Miracleman que inicialmente constituía un claro expoñente da categoría "científico tolo" e que non por casualidade gardaba claras semellanzas co Doutor Sivana do Capitán Marvel. Nos capítulos incluídos neste segundo volume, Moore reescribe o pasado do personaxe, expón as súas motivacións e confírelle unha actitude máis contida.

No tomo atopamos outros exemplos da tendencia de Moore a desviarse dos canons do xénero. As imaxes de violencia que atopamos nas súas páxinas exceden con moito o que resultaba habitual nos cómics de superheroes da época (decapitacións, explosións de sangue, desmembramentos), amosando un "heroe" protagonista que non só demostra ser quen de matar, senón que o fai con especial crueldade. A exhaustiva representación dun parto constitúe unha provocación máis sutil, ao valerse dun acto natural e fermoso para tentear os límites do que resultaba admisible amosar nunha publicación supostamente xuvenil. Sen dúbida, para moitos lectores ben pensantes, a exposición frontal dunha vaxina desprovista de carga erótica resultaría máis ofensiva que a visión recorrente dunha cabeza humana seccionada do seu corpo.

Tanto os temas abordados coma o xeito de representalos permiten establecer conexións entre este traballo e outros de Moore da mesma época, comezando por Watchmen pero incluíndo tamén outros non menos significativos coma A Cousa do Pantano. A recuperación de Miracleman proporciona a peza que faltaba no grande e fascinante  puzzle que é a obra do "guionista orixinal".

Entradas relacionadas
Miracleman: El sueño de volar

sábado, abril 04, 2015

"Os ecos de tantas páxinas de BD andan polos meus libros"

Agustín Fernández Paz é un dos máis importantes escritores galegos actuais. Tamén é un grande afeccionado á banda deseñada, un lector voraz que creu sempre nas posibilidades do cómic coma vehículo para transportar as maiores emocións. O seu afán levouno a escribir obras divulgativas (Para lermos cómics), a recoller as súas experiencias co cómic coma ferramenta didáctica (O cómic nas aulas) e tamén a deixar constancia da súa persoal memoria lectora en textos coma O cesto do Beti, recollido no volume O rastro que deixamos. Foi unha sorte e un pracer entrevistalo para Praza Pública e contribuír modestamente a divulgar esta faceta da súa obra.
Imaxe de Diego Giráldez

xoves, marzo 26, 2015

Next Men 4

























Xa coñecemos a traxectoria editorial dos Next Men de John Byrne. O primeiro volume da serie pechouse de forma abrupta en 1995 e o título quedou en suspenso ata 2010, cando seu creador o recuperou en forma de miniserie de nove números coa que chegou á súa conclusión definitiva. Esta etapa final, publicada no seo da editorial IDW e aínda inédita entre nós, é a que recolle o cuarto en derradeiro tomo da edición de Norma (2014), unha recompilación necesaria que ademais de pechar o ciclo da cabeceira permitiu que unha nova xeración de lectores se achegase ao material orixinal.

Descoñezo se o peche que Byrne lle deu á serie coincide no substancial ou non co que concibira inicialmente. Teño a impresión de que non, xa que nestes números finais a trama deriva cara temas que non foran tratados antes (viaxes no tempo, dimensións alternativas, alteracións da Historia...), aparecen personaxes novos e mesmo Satanás, o antagonista que aportaba á serie un horizonte final, fica relegado a un segundo plano. É probable que isto se deba a que os elementos que deron sentido á serie na súa orixe (a mestura de tópicos superheroicos con elementos de ciencia ficción) resultaban na segunda década do século XXI moito menos estimulantes que cando foron concibidos inicialmente, a mediados dos noventa. En calquera caso, fronte ao desleixado e repetitivo de boa parte da produción recente de Byrne, neste caso semella que o canadense si quixo dar o mellor de si mesmo, algo que resulta especialmente perceptible no debuxo, máis coidado e detallista do que é habitual nos seus últimos traballos. En canto ao argumental, sen ser brillante, podemos dicir que a conclusión resulta correcta.

Coido que tras unha lectura global da obra, os Next Men amosan máis as feblezas creativas que a súa grandeza. En todo o seu percorrido, o título acadou bos momentos e achegou algunhas propostas interesantes, as máis delas nos seus primeiros números e no contexto no que viron a luz, mais o conxunto resulta irregular e as sucesivas reorientacións do título, substituíndo uns propósitos por outros, fixeron que chegara a resultar errática por momentos. Cos seus Next Men, Byrne contribuíu ao nacemento dun cómic comercial nos contidos e autorial no legal que leva dados excelentes froitos, mais a relevancia da súa aportación deriva máis da súa popularidade nos noventa que da calidade do serial que produciu. Coido que non resulta inxusto nin pexorativo concluír que o máis valioso do traballo do canadense atópase na súa interpretación de personaxes alleos (os X-Men, os 4 Fantásticos, Superman) e que, da súa faceta como creador, o máis destacado foi a súa etapa en Alpha Flight, por máis que paradoxalmente nin eses personaxes nin esas historias lle pertenzan legalmente.

Entradas relacionadas
Next Men 1
Next Men 2
Next Men 3

xoves, marzo 19, 2015

Elipses e sombras: Retrato da desprezable natureza humana

Las cosas de la vida - Integral
 
A editorial Fulgencio Pimentel recupera en versión integral Las cosas de la vida de Gérard Lauzier, un cómic que retrata sen misericordia as convulsións políticas e sociais que se viviron en Francia entre os anos setenta e oitenta do pasado século. Unha obra fundamental dun artista que non merece caer no esquecemento.
 
A chegada de Gérard Lauzier á banda deseñada foi serodia. Contaba xa corenta anos cando, en 1974, comezou a colaborar de forma habitual coa revista Pilote, unha das cabeceiras históricas do cómic francófono. A súa carreira como historietista foi breve pero intensa, cunha produción considerable e sobre todo influínte. A principios dos oitenta Lauzier era un artista popular entre os lectores, celebrado pola crítica e cunha notable proxección internacional. Case toda a súa obra foi publicada en España de forma practicamente inmediata, en revistas coma Blue Jeans, Bésame Mucho e Totem ou compilada en formato álbum. Sen embargo, nos anos noventa, Lauzier afastaríase do medio para probar sorte coma dramaturgo, guionista e director de cine, e só de forma esporádica volvería facer cómic antes de morrer no ano 2008. Malia a popularidade de que gozou no seu tempo, Lauzier levaba anos practicamente esquecido. De aí o valor da recente recuperación de Tranches de vie, un dos seus títulos máis senlleiros, a cargo da editorial rioxana Fulgencio Pimentel, que trae de novo á actualidade unha figura esencial da BD europea do século pasado e achega unha das súas obras máis representativas a unha nova xeración de lectores.
 
Compoñen o integral Las cosas de la vida unha longa serie de relatos breves e sen protagonistas fixos nos que Lauzier deixa testemuño do tempo que lle tocou vivir. A partires de mediados dos setenta a Guerra Fría entraba na súa fase final, o bloque soviético revelábase coma un xigante de cartón mentres o movemento hippie e a contracultura esmorecían e, con eles, o sistema de vida alternativo que propuñan. O capitalismo comezaba a reinar sen contrapesos, Reagan e Thatcher estaban á volta da esquina, mentres en Francia as clases adiñeiradas contemplaban con desconfianza o ascenso da popularidade de Mitterrand. Lauzier ofreceu un retrato desapiadado deste mundo e fíxoo sen espaventos nin excesos formais. Ao contrario, a súa técnica foi sempre máis sutil e, se cadra por iso, máis destrutiva. Abondáballe con concederlle a palabra a uns e outros, deixalos falar e facer que foran eles mesmos os que se puxesen a soga no pescozo.
 
Lauzier moquéase das clases acomodadas, os burgueses e triunfadores do sistema capitalista, que presenta coma seres embrutecidos e insensibles que non teñen problema en valerse das súas vantaxes e impoñerse aos desfavorecidos. Raro é o relato do que non saen finalmente vencedores e cando non é así é por seren vítimas só da súa propia hipocrisía. Canda eles, Lauzier cébase tamén con aqueles que manteñen unha oposición finxida ao statu quo, personaxes que proclaman unha disidencia que se demostra falsa a pouco que se ven comprometidos.
 
Mais estes son obxectivos fáciles. É probable que un dos aspectos máis destacables da obra de Lauzier sexa a súa vontade de escarnecer tamén a aqueles que se opuxeron ao réxime capitalista con convicción e sen imposturas, persoas que loitaron de forma auténtica por erguer un modelo de sociedade máis xusta e cuxo fracaso resultaba patente xa daquela. É fácil simpatizar con estes personaxes e por iso a burla de que son obxecto resulta dobremente ferinte. Lauzier obvia as súas boas intencións e ridiculiza a súa inxenuidade, o seu idealismo e falta de sentido pragmático, cando non se limita a constatar o seu fracaso. “A burguesía está totalmente inmunizada”, di un dos seus personaxes. “Hai veces que me pregunto se nós, os punks, os roxos, os ecoloxistas non seremos unha especie de virus que coas nosas agresións obrigamos á sociedade capitalista a fabricar anticorpos e se finalmente non a estaremos fortalecendo”. Esta visión derrotista, próxima ao nihilismo, explica que o autor gozara de poucas simpatías entre moitos intelectuais de esquerda do seu tempo. Xunto a crítica política, o autor revela tamén a súa persoal visión sobre as relacións familiares e de parella, o sexo, o multiculturalismo, a antipsiquiatría ou a arte moderna. Nada escapa do cruel escrutinio dun Lauzier que fai gala dunha incorrección política avant la lettre, sutil nas formas mais demoledora no fondo.
 
Un ten a tentación de afirmar que unha obra como Las cosas de la vida segue a gozar de plena actualidade hoxe, máis de trinta anos despois da súa publicación orixinal. Non é certo. O título contén unha lúcida visión do mundo tal e como era hai tres décadas e constitúe un testemuño privilexiado para coñecer aquel contexto histórico dende a persoal perspectiva do seu autor. O que si segue vixente é a agudeza no ollar de Lauzier, a intelixencia da súa crítica e a súa vontade de non facer distincións entre aqueles que son obxecto do seu escarnio. A reedición deste título e a recuperación da súa figura son boas novas que cómpre celebrar.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de marzo de 2015]

luns, marzo 16, 2015

Qadriños: The Fiction, o novo proxecto de David Rubín para o mercado norteamericano


















David Rubín vén de desvelar o que será o seu segundo proxecto para o mercado estadounidense despois de The rise of Aurora West. Trátase de The Fiction, unha miniserie de catro números escrita por Curt Pires e editada por Boom Studios. Confeso que non coñezo o guionista e o pouco que transcendeu sobre o argumento non permite emitir un xuízo todavía, pero non deixa de ser unha boa nova que Rubín comece a abrirse camiño na industria norteamericana, sobre todo se, como semella, iso non lle impide seguir traballando en proxectos máis próximos coma o anunciado Gran Hotel Abismo. Máis detalles, en Qadriños.

martes, marzo 03, 2015

Nemo, las rosas de Berlín

























Hai xa moitos anos que os cómics de Alan Moore revelan só conformismo e falta de ambición, malia o cal a súa figura segue a gozar dun prestixio único dentro do medio. Situado por méritos propios máis aló do ben e do mal, Moore pode facer o que lle pete sen ter que dar explicacións a ninguén. Por exemplo, en Nemo, las rosas de Berlín (Planeta, 2014) son varias as páxinas integramente escritas en alemán, sen tradución, nin nota ao pe, nin apéndice final, deliberadamente inintelixible para unha grande porcentaxe de lectores. Unha simple excentricidade sen maiores consecuencias (a trama pode entenderse perfectamente sen necesidade de comprender esas pasaxes), pero que si revela unha actitude esnob por parte do autor, que semella xogar a poñer a proba a resistencia do lector.

Se, como diciamos, a obra resulta comprensible sen entender varias páxinas de diálogo é porque estamos ante unha das aventuras máis simples e lineais da cabeceira en toda a súa extensa historia. Moore optou por substituír o festín referencial da serie 1900 por unha narrativa máis sinxela na serie Nemo. No canto de trenzar referencias nun bucle inintelixible, o escritor prefire agora explotar localizacións e imaxinarios, a Antártida e Lovecraft, na entrega precedente; Berlín e o cinema expresionista agora. E por máis que se trate dun collage, que interpón certa distancia irónica e demanda do lector o coñecemento suficiente para captar as citas, as súas intencións semellan ser as máis lúdicas dende que o título comezara a súa andaina en 1999. A oportunidade de recrear un Berlín inspirado nas fitas máis senlleiras de Fritz Lang e Robert Wiene semella pouco menos que un agasallo para un artista tan dotado para a ambientación arquitectónica coma Kevin O'Neill. É a súa versión da capital alemá (grandilocuente, xeométrica, escura), xunto coa aparición dos personaxes máis célebres do cinema expresionista alemán (Mabuse, o doutor Caligari, a muller-máquina de Metrópolis) o que lle confire un plus de interese a un relato que, polo demais, se limita fabular expansivamente sobre a dinastía Nemo. Un Moore de perfil baixo pero lexible.

Entradas relacionadas
Nemo, corazón de hielo

sábado, febreiro 21, 2015

Qadriños: Xa hai data para o novo de Miguelanxo Prado

















Presas fáciles, o novo traballo de Miguelanxo Prado, así coma un segundo volume dos seus Papeles dispersos, verán a luz axiña. E máis adiante, o ano próximo, chegará unha ramificación do seu Ardalén. Máis información en Qadriños

mércores, febreiro 18, 2015

Skandalon

























Skandalon (Dibbuks, 2014) é a historia dunha estrela de rock que descobre o poder que lle confire o seu éxito. Poder sobre os seus seguidores, poder sobre os que o rodean, poder económico, poder de feito. Coma tantos outros músicos reais nos que o personaxe está difusamente inspirado, Tazane non goza co seu estatus de estrela, ao contrario, a situación frústrao e lévao a estar tenteando constantemente os límites da súa posición de dominio. Pero Julie Maroh non pretende contar só a historia dun rockeiro. Pretende ir máis aló e reflexionar sobre as normas, a transgresión, a natural insatisfación do ser humano, a corrupción do poderoso, o lado escuro da alma. E tamén pretende asegurarse de que todo lector interpreta isto correctamente e por iso conclúe a obra cun postfacio no que expón demoradamente os principios filosóficos que quixo poñer en xogo.

Imaxinade un cómico que conta un chiste e despois o explica.

Pois iso.

Maroh non confía no lector e tampouco na súa propia habilidade para darse a entender. De aí o título, a portada (os dous transcenden o texto e apuntan ao subtexto) e ese mini ensaio final (bastante tutti frutti, por outra banda) que impón ao lector unha interpretación auténtica do relato. A ver se o entendiches, parvo, Skandalon non é un conto, non vai dun rockeiro e tal, non. Skandalon é unha metáfora, é denso, é profundo. Que como es parvo, hai que explicarcho todo.

E por iso, porque Maroh non quere contar unha historia senón expoñer unha tese (moi profunda), constrúe un relato oco e forzado, con situacións acartonadas nas que os personaxes se comportan cun dramatismo impostado. Nada en Skandalon resulta auténtico ou real, todo semella  falso, histriónico. O propio Tazane asiste ao drama de ter por vida unha metáfora, vive en Matrix. Personaxe plano, tosco e sen matices, poderiamos aplicarlle a frase de Jessica Rabbit: non é malo, é que o debuxaron así. E iso son malas novas se consideramos que non hai en Skandalon máis personaxes que Tazane. Poucos aspectos representan tan acaidamente a torpeza de Maroh á hora de caracterizar o cantante coma os episodios sexuais que protagoniza. Pretendidamente escabrosos, son realmente unha mostra do candor da autora, que aspira a escandalizar o lector con ingredientes tan obvios como promiscuidade, ambivalencia sexual ou falta de empatía cara os demais. A afectación con que a autora pon en boca do seu personaxe alusións sexuais (cando fala de sodomizar a fans ou correrse na súa boca) equivale ao neno que berra "puta" para chamar a atención, un exercicio de inxenuidade que pretende pasar polo contrario. A tournée polos tópicos do anxo caído rockeiro fai parada tamén na autoviolencia e nas viaxes místicas. Que mellor peche para este despropósito que un final new age?

A incapacidade de Maroh para estar á altura das súas propias pretensións converten a Skandalon nun traballo dobremente fallido, vacuo onde pretende ser profundo, dunha solemnidade risible, facilmente parodiable. Como ela mesma sinala no postfacio, a palabra skandalon significa "a pedra na que se tropeza". Sen dúbida, diría eu.

martes, febreiro 17, 2015

Elipses e sombras: Novas aventuras da illa remeira

Marcopola, a illa remeira: Dragoneta!

Se a banda deseñada infantil conta hoxe cun referente en Galicia, ese é Marcopola, a illa remeira, serie creada polo vigués Jacobo Fernández Serrano que alcanza xa o seu terceiro álbum. Cun excelente pulso narrativo e un engaiolante desenvolvemento gráfico, a cabeceira demostra que o cómic para cativos pode cumprir cos mesmos estándares de calidade que o destinado a un lector adulto.

Dicía McLuhan que os medios de masas que deixan de selo ou se converten en arte ou desaparecen. Esa parece ser a encrucillada na que se atopa o cómic en xeral e o infantil en particular, a de reivindicarse coma un produto valioso e de calidade ou esmorecer lentamente. Hai xa tempo que os cómics deixaron de ser lidos de forma masiva polos máis cativos. Nas últimas décadas, as tradicionais revistas de historietas, os tebeos editados en grampa, foron desaparecendo dos quioscos a medida que eran substituídas por outras alternativas de ocio, fundamentalmente as tecnolóxicas. Mais iso non quere dicir que o cómic infantil desaparecera. Simplemente transformouse, deixou de ser un produto de consumo masivo e adoptou novas formas: os seus contidos tenden a ser máis sofisticados e están mellor editados, adoptando formatos de vocación máis duradeira e, por tanto, tamén máis caros.

Jacobo Fernández Serrano representa entre nós a mellor versión desta nova forma de facer cómic infantil. A súa carreira como historietista parte da revista Golfiño, para a que creou a serie Os amigos de Archimboldo Roque, posteriormente compilada en álbum. En anos seguintes colaborou con outras cabeceiras coma Retranca, BD Banda ou Dos veces breve, ao tempo que se ía consolidando coma un dos máis recoñecidos ilustradores de literatura infantil do país. Mesmo probou sorte con éxito coma escritor, con varias novelas publicadas, entre elas Mil cousas poden pasar, pola que lle sería concedido o Premio Merlín en 2009.

Hai xa uns anos que Fernández Serrano lanzou Marcopola, a illa remeira, serie de banda deseñada dirixida aos lectores máis novos. O primeiro álbum, As orixes de Marcopola, foi publicado inicialmente en castelán e tivo versión galega en 2012, inaugurando a colección Merlín Cómics de Xerais. Despois chegarían Os piratas da lúa (2013) e o máis recente Dragoneta! (2014), ambos publicados xa orixinalmente en galego. A serie ten coma protagonista a Marcopola, unha illa que se desprende do fondo mariño e se dedica a viaxar polo mundo en compañía do seu amigo Libro. Como suxire o nome do personaxe, os de Marcopola son relatos viaxeiros, que xiran arredor da descuberta de terras descoñecidas, da interacción con novos personaxes e das aprendizaxes que a protagonista vai tirando das súas vivencias.

En Dragoneta!, terceiro álbum da serie, o alquimista Bisgovius transforma en dragoa a Demoneta, a malvada serpe mariña que aparecía na aventura inaugural da cabeceira. Para conservar o seu novo estado, a dragoa deberá cometer unha boa acción, algo que lle resultará máis complicado do que pode parecer. O encontro con Marcopola e Libro nos mares do Ártico resultará decisivo para ela. Como é habitual nas súas obras, Fernández Serrano crea unha narración cun claro sentido didáctico mais combinado con elementos lúdicos, coma a exaltación da aventura, da amizade e da experiencia vital. A serie conta xa cun nutrido grupo de secundarios e non renuncia a manter unha continuidade difusa, incorporando elementos de aventuras anteriores que resultarán recoñecibles ao lector habitual.

Boa parte da forza da serie reside no seu exquisito acabado gráfico. Fernández foi quen de desenvolver un imaxinario visual tan atractivo coma accesible para os lectores máis novos. De trazo fino e lineal, os seus debuxos semellan ser froito dun proceso de estilización moi consciente, simplificando as formas, eliminando os trazos superfluos e economizando nos fondos. As súas figuras son esquemáticas pero moi expresivas, perfectamente matizadas pola dozura das cores. O tamaño dos cadriños e a sobria posta en páxina axudan a guiar aos lectores máis novos e tamén a aqueles pouco familiarizados coa linguaxe da banda deseñada.

O álbum péchase anunciando unha cuarta aventura da illa remeira, Avoa power, confirmando a boa saúde da que goza a serie. Unha ledicia, considerando as escasas alternativas de BD galega infantil existentes no mercado actual.

luns, febreiro 09, 2015

Imaxes do abismo











"Sus páginas rezuman expresividad y están siempre llenas de matices. Pero más allá de la belleza de sus planchas está su aliento narrativo. Gipi es un maestro en el arte de contar historias, austero en sus planteamientos y franco con el lector, al que se dirige siempre sin aderezos. Apuesta por las emociones pero sin caer en la sensiblería ni recurrir a artificios. No lo necesita. Tampoco suele recurrir a planteamientos formales excesivamente complejos. La suya es una forma de narrar directa, simple".

O pasado 2014, coincidindo co centenario do inicio da I Guerra Mundial, tivo lugar unha revitalización dos contidos relacionados co conflito, dende aproximacións historiográficas e documentais, ata achegamentos dende a ficción. A banda deseñada non foi unha excepción, sendo varios os cómics relacionados coa Gran Guerra publicados ao longo de todo o ano (La Gran Guerra, Degenerado, La muerte blanca, Ambulancia 13...), algúns moi notables. Entre todos eles, as miñas preferencias están con unahistoria, o máis novo traballo de Gipi, unha confirmación do seu enorme talento e da orixinalidade da súa voz no contexto europeo actual. Disto falo en Imágenes del abismo, texto aparecido no novo número da Revista Ábrete Libro.