mércores, xaneiro 30, 2013

O mundo precisa heroes

El héroe vol. 2

O primeiro libro de El héroe (Astiberri, 2011) deixaba poucas dúbidas respecto da actitude creativa dun David Rubín que, lonxe de acomodarse na repetición de fórmulas previamente ensaiadas, prefería buscar novos camiños para a súa obra. Malia retomar nel moitos dos elementos presentes nos seus traballos anteriores, o ourensán collía un perigoso desvío, artellando un proxecto máis ambicioso e tamén arriscado. Os seus evidentes acertos de entón traducíronse nun recoñecemento crítico practicamente unánime, ademais de en nomeamentos e premios, e só o carácter incompleto da obra invitaba a manter unha certa prudencia. A recente publicación do segundo e derradeiro volume de El héroe (Astiberri, 2012) pecha este ciclo narrativo, permitindo unha correcta valoración da obra no seu conxunto.

Como é sabido, El héroe non é outra cousa que unha revisión do mito de Heracles e os seus célebres doce traballos, relato aventureiro clásico que ten inspirado innumerables e moi variadas ficcións en distintos medios. O primeiro que pode chamar a atención da versión gráfica de Rubín é o feito de adobiar con detalles anacrónicos (fundamentalmente tecnoloxía: automóbiles, consolas, iPods...) unha ambientación máis fantástica que histórica, recurso sinxelo e resolto con elegancia que lle vale ao autor para introducir unha tensión entre tradición e modernidade que está no cerne da obra. De feito, máis aló do simplemente estético, o conxunto do traballo semella concibido para explorar a viabilidade actual, mutatis mutandi, das formas narrativas propias dos antigos mitos, relatos de forte alento épico e tensión dramática no que se invocan os máis altos valores. O propio Rubín ten salientado en diversas ocasións que esta obra xurde da súa insatisfacción fronte o tebeo de superheroes actual, que o autor xulga coma aburrido e falto de orixinalidade. Herdeiro natural do relato mitolóxico durante décadas, o xénero superheroico é hoxe vítima da repetición de fórmulas e dun control editorial que limita a creatividade dos autores. Para máis abundar, os intentos de renovación de máis éxito dende que o xénero adquiriu consciencia de si a finais dos 80 adoptaron preferentemente unha visión irónica e descrida, desposuíndoo do seu tradicional idealismo. Con El héroe Rubín estaría a reivindicar a volta ao relato heroico tradicional, sendo o seu grande mérito o de conseguilo a través dunha obra de modernidade indiscutible.

Rubín atopa no mito de Heracles e as súas doce tarefas un pretexto argumental idóneo para elaborar unha grandiosa epopea repleta de acción e aventura, mais tamén para reflexionar sobre os claroscuros da condición heroica. O mozo Heracles gozará da gloria das vitorias pero descubrirá tamén as servidumes do seu labor, a dependencia daqueles que axuda, a imposibilidade de levar unha vida familiar normal. A esta idea central iranse engadindo outras, moitas delas susceptibles de seren lidas en clave actual: a lexitimidade do poder, a manipulación dos gobernantes, a fidelidade a uns ideais ou a responsabilidade dos medios de comunicación. E, por riba de todo, Heracles está enfrontado dende o seu nacemento coa deusa Hera nunha loita da que non poderá saír vitorioso, o que lle confire unha dimensión fatalista a toda a súa angueira. Fronte a descrenza e a distancia irónica que caracterizan os heroes de ficción contemporáneos, Rubín opta polo idealismo, a implicación moral e o sentido tráxico. Todo un desafío.


Lonxe de optar por unha narrativa invisible, Rubín desprega un extenso catálogo de recursos visuais, a maioría deles ben ostensibles, cos que responde á condición fantasiosa do narrado e o extremado das situacións expostas. Isto resulta moi obvio na utilización dunhas cores intensas, básicas, case estridentes, que subliñan a ambientación fantástica e acentúan o sentido de espectáculo, ao tempo que contrastan co recorrente uso do branco e negro polo autor na súa obra previa. Mais alén diso, cada episodio ten a súa feitura, cada páxina semella ser resultado dunha coidada planificación, alternando composicións simétricas con cadriños asimétricos, ilustracións a toda páxina ou a dobre páxina con planos detalle, incorporando lances mudos, empregando onomatopeas coma marco… Nin o lector menos atento a estes aspectos poderá obviar o aparatoso artificio narrativo que Rubín constrúe para desenvolver o relato, ata chegar a converter o propio acto de lectura nunha experiencia de seu. Polo demais, sen necesidade de introducir citas recoñecibles ou homenaxes explícitas, o peculiar estilo gráfico de Rubín, que mestura elementos de tradicións tan diversas coma o manga, a BD europea ou o tebeo comercial norteamericano, consegue dotar a obra dunha dimensión referencial, ao poder rastrexarse nos seus deseños a pegada de autores clásicos do tebeo superheroico coma Jack Kirby ou Jim Steranko. O resultado é un desenvolvemento gráfico contundente que, lonxe de procurar un lucimento persoal ou de caer nunha experimentación baleira, participa da idea de busca e renovación que dá sentido á obra.

Atopámonos, xa que logo, perante un traballo de simplicidade enganosa. Pártese dunha premisa argumental sinxela e coñecida, que o autor desenvolve de forma lineal, aportando abundantes doses de acción e espectáculo. Mais no canto de apostar só polo entretemento, Rubín adopta unha perspectiva crítica que non só cuestiona a forma e o fondo de certos modelos narrativos contemporáneos, senón que ademais ofrece unha contundente alternativa. Nun complicado equilibrio, o autor reivindica unha certa tradición sen caer na nostalxia; elabora un traballo autoconsciente e referencial pero nunca irónico. El héroe marca un importante salto cualitativo na carreira de David Rubín e sitúa o ourensán por dereito propio na primeira liña da banda deseñada europea actual.

luns, xaneiro 21, 2013

Es a miña nai?

























Se en Fun home Alison Bechdel esmiuzaba a relación que mantivo co seu pai ata a morte deste, na máis recente Es a miña nai? (Mondadori, 2012) torna cara a súa nai para desenvolver un relato semellante, aínda que con matices diferenciadores. Non parece ilexítimo pensar que, dada a boa acollida daquel traballo, a autora aposta por repetir a fórmula coa esperanza de obter un resultado igualmente favorable. Porén, se acreditamos no que a propia Bechdel expón (e, tratándose dun traballo explicitamente biográfico, o crer na veracidade do narrado é unha das máis obvias obrigas do lector unha vez que se avén a ler a obra) debemos aceptar que o relato xurde dunha necesidade íntima da autora: a de discernir exactamente quen é a súa nai para chegar a comprender quen é ela mesma.

Coma en Fun home, en Es a miña nai? abundan as citas, aínda que as que poderiamos considerar estrictamente literarias son menos e practicamente todas referidas a unha única autora, Virginia Woolf, estando o texto inzado de mencións á psicanálise e os seus autores. A diferencia ten claras consecuencias, xa que a cita recorrente a Freud, Jung e Winnicott e a introdución constante de densos conceptos psicanalíticos non parecen facilitar a construción do relato, senón máis ben o contrario. Que con eses ingredientes a autora sexa quen de manter a coherencia e ofrecer ao lector un texto de interese di moito do seu talento e intelixencia, máis aínda se consideramos que o seu debuxo ten, ademais de virtudes innegables, claras limitacións. Dito iso, a cerebral sistematicidade do método empregado pola autora para analizar os seus lazos familiares dota a obra enteira dunha certa frialdade e dificulta a implicación do lector pola vía emocional. Persoalmente, non podo negar ademais certo desconcerto, ao comprender a necesidade íntima e privada que está na orixe da obra, mais non a necesidade de facela pública.

Es a miña nai? é unha demostración de teimosía por parte dunha Bechdel que non só se atreve a insistir nun camiño complicado, senón que asume ademais o risco de que o seu traballo sexa interpretado coma unha repetición do anterior. Asumindo que non se trata diso, xurde a pregunta de se, tras este traballo, hai aínda espazo para insistir pola mesma vía. E, de non habelo, a cuestión pasa a ser outra máis interesante aínda: que nova dirección tomará a autora?

Entradas relacionadas
Fun home

mércores, xaneiro 16, 2013

Anónimo



















Alan Moore demostrou con Supreme que é posible contar magníficas historias de Superman sen Superman. Sen entrarmos en comparacións, cómpre loar a falta de complexos de Kike Benlloch e Pedro Villarejo que, tendo unha historia de Superman que contar, decidiron obviar calquera impedimento e simplemente facelo. Anónimo (autoeditado, 2012) non é un cómic DC. Por que debería selo se Superman non sae nel? Modestamente editado polos propios autores e cunha tiraxe reducida, o relato parte da afianzada iconografía do Home de Aceiro para coller despois un suxerente desvío na mellor tradición dos What if? ou mesmo dos Elseworlds de DC, expoñendo facetas do personaxe que dende unha visión ortodoxa do mesmo resultan inapreciables. O caudal de información que todo lector manexa a priori permítelle a Benlloch aforrar en esforzos narrativos que resultarían redundantes, artellando un relato mínimo, cuxa economía atopa unha correspondencia perfecta na sinxeleza gráfica de Villarejo. O resultado é unha intelixente fábula sobre personaxes superpoderosos que ten na súa deliberada pequenez boa parte do seu encanto.

domingo, xaneiro 13, 2013

Cousas de mortos

























Tras anos promovendo fanzines na área da Coruña, Manel Cráneo comezou a colaborar de xeito habitual coas revistas de banda deseñada profesionais (ou semi) que xurdiron en Galicia a partires da segunda metade dos anos 90. Os seus traballos foron aparecendo en cabeceiras coma La Carallada, OFanzine das Xornadas, Golfiño, BD Banda ou Barsowia, así coma en proxectos colectivos coma H2Oil. O seu non é un caso illado, as revistas de BD foron e seguen a ser en moitas ocasións a única alternativa de publicación para un amplo colectivo de autores que carecen doutra canle para darse a coñecer ou manter unha certa presenza no mercado. O traballo de Cráneo nestes anos demostra que, malia as limitacións propias deste tipo de colaboracións (de extensión case sempre e de formato en moitos casos), é posible desenvolver unha obra cun marcado acento persoal e dunha calidade pouco discutible. En sucesivas achegas, o coruñés foi conformando un particular xeito de contar ao tempo que construía un imaxinario propio, perfectamente recoñecible, e do que resultan especialmente representativas as súas historias de mortos.

O recente Cousas de mortos (Demo, 2012) recolle un feixe de narracións breves aparecidas en medios diversos entre 2002 e 2012, coa única excepción de “O morto de Malos Aires”, que o autor elaborou para unha exposición de autores galegos no Salón do Cómic de Barcelona e permanecía inédita ata agora. Todos os relatos escolmados teñen coma protagonistas esqueletos, ánimas e criaturas espectrais, figuras das que Cráneo se vale para ofrecer unha imaxe cotiá e desdramatizada da morte, mais tamén para artellar unha visión crítica do mundo dos vivos, cuxos vicios e contradicións están sempre no fondo de cada historia. Hai, xa que logo, unha certa unidade formal e tamén temática, aínda que os ingredientes se combinan en proporcións distintas en cada caso, conducindo a resultados diversos. Así, “Deserto” e os relatos protagonizados polo fuxitivo Lázaro recréanse na negrura do seu humor, propoñendo situacións extravagantes e mesmo absurdas; “Antístenes morto” fai malabares coas palabras, mesturando filosofía e cinismo; en “Os mortos” suxírense perigosas tanxencias entre o mundo dos vivos e o dos mortos, invertendo o punto de vista tradicional ao respecto; “O home que salvou o mundo” válese dun acabado gráfico diferente ao do resto, de trazo máis aberto e cores máis sombrías, para ilustrar unha paradoxal defensa da burocracia. Así ata catorce relatos que zumegan ironía e un sentido do humor retranqueiro pero que, por estar o alén involucrado, deixan tamén un inquietante amargor tras de si.

Aínda que non se trata dunha recompilación exhaustiva, o presente volume contribúe a compensar a dispersión que afecta a esta parte da produción de Cráneo, permitíndolle ao lector o acceso a algúns dos seus traballos breves máis significativos en condicións semellantes ás das súas obras máis extensas. A súa publicación resulta, polo tanto, plenamente pertinente e apenas pode obxectárselle que non inclúa unha táboa que recolla a data e lugar de publicación orixinal de cada narración. Os plans editoriais de Demo contemplan a saída dun segundo tomo, polo que aqueles que gocen desta lectura terán aínda unha nova oportunidade de rir primeiro e tremer despois.

domingo, decembro 30, 2012

O Universo DC de Alan Moore

























O volume titulado O Universo DC de Alan Moore (ECC, 2012) recolle as historias escritas para DC Comics polo guionista británico entre 1985 e 1988 sen incluír Watchmen (que era un cómic DC mais non pertencente ao seu universo de ficción) nin a Saga da Cousa do Pantano (que pola súa extensión adoita compilarse á parte). O tomo está integrado por un conxunto heteroxéneo de relatos, pertencentes a cabeceiras diversas, de extensión variable e no que atopamos títulos que acadaron certa sona (A broma asasina, Que foi do home do mañá?) canda historias que estarían abocadas ao esquecemento de non teren sido escritas por Moore. Constatada esta diversidade e a escasa entidade dalgúns relatos, o sentido do volume non parece ser outro que o de ofrecer unha visión exhaustiva da traxectoria do autor nos anos nos que se produciu o gran salto cualitativo na súa carreira.

Que Moore sexa un autor de talento contrastado non debe levarnos ao erro de crer que todas as súas creacións son mostras de xenialidade, menos aínda no caso de traballos coas características dalgúns dos que recolle este volume, encomendas que polas súas limitacións de espazo, pola falta de continuidade ou de liberdade creativa, requerían de máis profesionalidade que xenio. Así, por exemplo, a historia Olimpíadas nocturnas, relato breve en dúas partes protagonizado por Green Arrow e Canario Negro e publicado orixinalmente na cabeceira Detective Comics, resulta absolutamente convencional e tan só chama a atención o feito de bosquexar sen desenvolver unha das ideas centrais de Watchmen, cando un adversario de terceira afirma e pretende demostrar que os superheroes son "xente normal disfrazada", acusación que a conclusión do relato desmente. A maioría das restantes narracións breves, os relatos dos Green Lantern Corps ou as historias ambientadas en Vega, a galaxia dos Omega Men, foron concibidas xa inicialmente coma secundarias ou complementarias. Moore limítase a ofrecer argumentos enxeñosos supeditados sempre a un twist final, optando por un estilo narrativo que, sumado á brevidade do relato e ao contexto cósmico, lembra moito aos relatos de ciencia ficción que publicaban as revistas británicas da época. Probablemente o máis logrado sexa Mogo non ten vida social, non pasando o resto de discretos. Por un motivo semellante ten interese Barro mortal, historia publicada orixinalmente nun Anual da serie Batman e cuxo protagonista real é Clayface, un dos adversarios do Home Morcego. Por ton e estrutura o relato apenas se axusta ás convencións do tebeo superheroico, asemellándose máis ás historias de misterio e terror que popularizou o cómic norteamericano nos anos 40 e 50 ou, de remontarnos ata os antecedentes, á literatura popular de principios do século XX, con O fantasma da Ópera coma referencia máis obvia. Con todo, a presenza de Batman e as concesións aos tópicos superheroicos desvían o curso do relato restándolle forza e reducíndoo a simple curiosidade.

Á parte das tres historias que teñen a Superman como protagonista, que xa foron comentadas neste blog, completan o volume dous capítulos da cabeceira Vixilante e o coñecido A broma asasina, con Batman e o Joker coma protagonistas. O día do pai, a historia en dúas partes do Vixilante, é a dubidosa contribución de Moore ao tránsito da cabeceira dende o seu natural contorno superheroico cara escenarios de violencia urbana e xustiza pola man. Pouco podemos salvar deste relato cuxo tremendismo, de pretensións realistas, resulta hoxe torpe e ata un tanto inocente, que ademais entra en contradición cada vez que aparece o protagonista con pixama e demais parafernalia. A violencia efectista ten tamén presenza en A broma asasina, obra coa que Moore pretendía ofrecer unha imaxe actualizada da orixe do Joker ao tempo que xogaba a diluír as diferenzas entre aquel personaxe e o seu antagonista Batman. Moi popular no seu tempo, a obra ten sido criticada tanto por instrumentalizar morbosamente a tolledura dun personaxe (Barbara Gordon) coma pola ambigüidade moral coa que se pecha, aspectos ambos que levarían ao propio Moore a renegar dela apenas uns anos máis tarde. A obra data do ano 1988 (a edición de ECC recolle erradamente o ano 1986), o superheroísmo hiperviolento dos anos 90 estaba a chegar e traballos coma este foron determinantes para esta deriva.

Non sendo unha das lecturas máis proveitosas de Moore, o volume ofrece un testemuño completo dunha etapa esencial na súa traxectoria, na que acadaría boa parte do prestixio que lle permitiría desenvolver posteriormente a súa carreira coma autor con maior liberdade.

Entradas relacionadas
Superman: As historias de Alan Moore 

luns, decembro 24, 2012

Teme os teus heroes












"Si su antecesora destacaba por su la sólida estructura y un equilibrado desarrollo argumental, El Señor de la Noche contraataca es una obra extrema, frenética y repleta de excesos hiperrealistas. Miller abandona cualquier contención y suma a un relato descabellado un registro gráfico de trazo duro y caricaturesco, en el que los colores estridentes y unos ostentosos efectos digitales sustituyen al tono sombrío de la primera entrega de la saga. Los parámetros gráficos del género se deforman en la misma medida en que se retuercen sus premisas argumentales. Entre esta obra y su predecesora han transcurrido quince largos años en los que Miller ha experimentado una honda evolución como autor y el propio género superheroico se ha transformado notablemente, en buena medida por la propia influencia de El regreso del Señor de la Noche. Aunque parezca una paradoja, para mantenerse fiel a los principios que inspiraron aquella obra, el autor debe cambiar radicalmente su discurso."

Aproveito que o máis recente número da Revista Ábrete Libro está dedicado a distopías e utopías para escribir unhas liñas sobre The Dark Knight returns e The Dark Knight strikes again, obras que pola súa relevancia e a do seu autor dan para moito máis do que fun quen de recoller no artigo. Malia que o tempo transcorrido suavizou parte da forza transgresora da primeira, unha lectura actual revélaa aínda coma unha obra intensa e inzada de significados; caótica e extrema, a súa secuela segue a ser un artefacto estraño e difícil de manexar, ao que paga a pena achegarse con intención aberta e desprexuizada. Velaí Teme a tus héroes, la Saga del Señor de la Noche de Frank Miller.

venres, decembro 21, 2012

Os Novos Mutantes: Terceira xénese




















Paréceme moi significativo que Panini comezase a súa reedición da cabeceira dos Novos Mutantes pola etapa debuxada por Bill Sienkiewicz no canto de facelo respectando a cronoloxía orixinal. Implicitamente recoñécese que a presenza do ilustrador sería un argumento de maior peso para os lectores que os propios contidos da cabeceira, os personaxes e as súas primeiras aventuras. A cousa debeu de funcionar máis ou menos ben, xa que agora aparece baixo o título (que eu nunca antes oíra) Terceira xénese (Panini, 2012) un tomo que recolle a aventura inaugural do grupo (editada no número 4 da serie Marvel Graphic Novel), os catro primeiros capítulos da cabeceira, a aparición do grupo canda Spiderman, Capa e Puñal nun Anual da colección Marvel Team-Up e un capítulo da mítica Uncanny X-Men.

É probable que para aqueles que non se acheguen a este volume guiados (coma min) pola nostalxia non atopen nel outro aspecto de interese que constatar as enormes diferenzas entre o tebeo superheroico dos 80 e o actual. A serie foi concibida orixinalmente co propósito, que hoxe nos parece evidente, de ensanchar as marxes dun universo mutante daquela en auxe, mais de dimensións todavía modestas. Esta segunda cabeceira chegaría cando o éxito da serie matriz estaba xa máis que consolidado e tras non poucas reticencias do seu artífice, o escritor Chris Claremont. E coa mesma carrúa parece conducirse o guionista nestas primeiras aparicións dos personaxes. No canto de propoñer un arranque pirotécnico, Claremont prefire consagrar practicamente todo o relato inicial a caracterizar os personaxes, dotándoos dun pasado e mesmo dun trauma orixinal que posteriormente sería explotado de forma recorrente. A idea de que os protagonistas son adolescentes e que, por tanto, as súas aventuras non poden reproducir os esquemas dos tebeos protagonizados por superheroes adultos conduce a que as ameazas que confrontan estes Novos Mutantes nos inicios da súa andaina sexan sorprendentemente modestas, mesmo carentes de espectacularidade. Configúrase así unha cabeceira vocacionalmente secundaria, que opta por centrarse na caracterización dos protagonistas antes que no efectismo dos argumentos. O feito de que a maioría dos personaxes gozasen dunha longa vida posterior e conserven aínda hoxe parte importante do seu carisma confirma o bo facer de Claremont a este respecto.

Consonte estes principios, o elixido para definir o aspecto gráfico dos personaxes e botar a andar a serie foi Bob McLeod, debuxante de trazo agradable aínda que con tendencia a un certo estatismo e cunha anatomía discutible nalgúns casos. E tamén carente de calquera espectacularidade e alleo ás tendencias actuais, como demostra a súa desaparición do mainstream superheroico dende finais dos anos 90. Non debería pasar desapercibida a súa perfecta caracterización dos personaxes protagonistas, aos que foi quen de dotar dun aspecto singular e diferenciado. No cuarto número da serie, co que se pecha este volume, McLeod pasa a entintar os lapis do veterano Sal Buscema, o que conduce a un resultado claramente favorecedor, ao aproveitarse toda a axilidade narrativa do menor dos Buscema suavizando as tintas de McLeod o seu trazo rochoso.

Entradas relacionadas
Os Novos Mutantes: Fillos das sombras
Os Novos Mutantes: A orixe de Lexión

domingo, decembro 09, 2012

Qadriños: A dobre vida de Kaz

 










Na miña máis recente aportación ao blog de banda deseñada do xornal Praza Pública falo de Submundo (Autsaider Cómics, 2012), un extenso volume que recolle as tiras de prensa do mesmo nome elaboradas por Kazimiras Prapoulenis "Kaz". Humor underground e absurdo a cargo dun artista non moi coñecido no noso país, por máis que teña traballado para franquicias de animación tan exitosas coma Bob Esponja ou Phineas & Ferb.

martes, novembro 27, 2012

Rashomon


























Obras coma a recente Rashomon (Norma, 2012) mostran a evolución dun Víctor Santos que, sen renunciar aos que sempre foron os seus sinais de identidade, revélase agora coma un creador moito máis sólido e maduro. Os seus intereses temáticos apenas teñen mudado dende que se dera a coñecer hai máis de dez anos coma membro do colectivo 7 monos. Os seus traballos máis recentes confirman a súa tradicional querenza polo relato de acción nas súas distintas variedades de xénero (da fantasía canónica ao xénero negro, pasando polo pulp, as historias de yakuzas, o western...). Tamén este Rashomon co que se achega ao universo creativo do escritor xaponés Ryonosuke Akutagawa e que mestura o xénero policial cos tradicionais relatos de samuráis. Como fixera Akira Kurosawa coa película homónima de 1950, Santos reinterpreta varios relatos do autor xaponés, nomeadamente o coñecido como "Na fraga", conto breve e dunha singular frialdade formal no que Akutagawa emprega as formas do relato detectivesco (apenas consolidadas daquela, o texto data de 1922) para reflexionar sobre a procura da verdade material ao tempo que retrata a complexa orde social do Xapón feudal.

Os que me coñecen saben que é unha narración pola que sinto debilidade e sobre a que xa teño escrito, o que probablemente faga de min a persoa menos indicada para opinar sobre a adaptación dun Santos que, no canto de cinguirse ás estreitas marxes do texto orixinal, elixe  traducir o conto aos seus propios parámetros artísticos. As diferenzas entre unha e outra versión non son de simple detalle, senón que atinxen a elementos esenciais da arquitectura do relato. Tratándose da investigación dun crime, non parece precisamente accidental que Akutagawa optara por reducir o investigador a unha figura implícita, un xuíz ausente sen voz de seu. O lector accede ás declaracións das testemuñas e dos implicados sen a guía dese observador cualificado que é o detective. Santos, pola contra, introduce un comisario de creación propia, Heigo Kobayashi, acompañado dun arquetípico axudante. Consecuencia directa desta decisión é a perda da equidistancia fronte as versións dos feitos que dan as partes xa que o investigador, como non pode ser doutro xeito, manifesta as súas intuicións, chegando mesmo a suxerirse unha solución ao enigma nun epílogo engadido por Santos. O resultado non só é moito máis convencional que o do relato orixinal que, lembremos, ten xa noventa anos, senón que altera notablemente o efecto que produce a lectura. O texto de Akutagawa invitaba ao lector a ocupar a posición que o investigador (ausente) deixaba libre, calibrando sen intermediarios as declaracións contraditorias dos implicados e aventurando por que varios deles mentirían e non precisamente para seren absoltos, senón para inculparse. Mentres o relato orixinal esbozaba incógnitas e invitaba ao lector a facerse preguntas, a adaptación de Santos ofrece un enigma e insinúa unha solución. A obra conta, xa que logo, coa coherencia que lle dá a persoal visión do autor, malia o cal coido que a súa versión arrédase do seu referente precisamente nos aspectos que lle concedían máis singularidade e forza.

Coido que non debe deixar de salientarse o notable salto cualitativo de Santos coma debuxante. Aínda que as claves do seu grafismo seguen a ser as mesmas (trazo ríspeto e unha narrativa áxil e intuitiva), os seus deseños revelan agora influenzas perfectamente dixeridas, coma a de Michael Avon Oeming (lóxico) ou Mike Mignola. A variedade na posta en páxina, o amplo abano de recursos despregados e o perfecto aproveitamento do branco e negro invitan a recrearse na contemplación das páxinas deste álbum, ao tempo que demostran a madurez acadada polo seu autor.

Entradas relacionadas

xoves, novembro 08, 2012

Qadriños: "Primeiros encontros coa banda deseñada" no Museo de Pontevedra

























Octavio Bares, amigo e veciño deste blog, organiza O cómic no Museo, primeiros encontros coa banda deseñada, ciclo de charlas sobre cómic que terá lugar os días 27, 28 e 29 de novembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e que contará con tres conferenciantes de primeira orde: Kiko Da Silva, David Rubín e Pepo Pérez. Unha magnífica iniciativa da que falo polo miúdo en Qadriños e da que se pode atopar máis información no blog de Octavio.