martes, xuño 17, 2008

Daredevil: Marcado pola morte – Elektra



A publicación por parte de Panini da etapa de Frank Miller en Daredevil dentro da colección Best of Marvel Essentials permitirame, por fin, ter nun formato homoxéneo e digno o que ata o de agora tiña disperso entre os (deteriorados) cómics en grapa e unha reedición posterior en cartoné de Fórum. Poucos descubrimentos se poden facer en torno á importancia que estes cómics tiveron tanto para a carreira do seu autor como para o devir do personaxe. Pódese dicir que entre un e outro se estableceu unha relación dialéctica de xeito que, ó tempo que remodelaba a figura do heroe e o seu entorno, o autor reconducía a súa propria traxectoria profesional máis aló da popularidade que adquiriu no momento, pasando de debuxante prometedor a artista completo.

Miller conseguiu en Daredevil algo que está ó alcance de moi poucos artistas: canonizar a súa versión do personaxe. As diferencias entre o Daredevil que Miller atopa e o que deixa cando abandona a serie son máis que evidentes. A súa sicoloxía muda, enriquécese, faise máis complexa. Pero tamén o seu entorno (os espazos, os secundarios, os antagonistas) sufre transformacións. O primeiro dos BoMEs, Marcado pola morte (Panini, 2008), demostra, non obstante, que Miller non fixo tabula rasa. Estes primeiros números foron escritos por un eficaz Roger McKenzie que continúa a liña establecida por Marv Wolfman, outro guionista importante para a cabeceira, no sentido de definir a DD coma un heroe esencialmente urbano, emparentado co Batman da competencia ou co sempre desubicado Cabaleiro Lúa (imperfecta resposta Marvel ó Batman de Neal Adams). E porén, a dinámica da serie viña excesivamente determinada por unhas estructuras ancoradas no cliché superheroico. Cada secundario era un estereotipo: Foggy, (o amigo simpático), Heather (o interese romántico) e Betty (a admiradora acomplexada) comparecían en grupo e representaban unha monótona coreografía axeitada ós seus roles As tramas incidían excesivamente no sentido de marabilla que proporcionaban as habilidades dun home que resultaba ser cego nun momento no que o lector comezaba a demandar algo máis que superpoderes para rendirse a un personaxe.

Ben respaldado polas tintas de Klaus Janson, Miller deixou constancia de contado dos puntos fortes do seu debuxo: composición, expresionismo, dinamismo… Os mesmos que, cos anos, depurou ata o extremo e que, combinados coa rudeza anatómica que o caracteriza, fan del un debuxante único. Simultáneamente, foi reclamando máis espazo para si na construcción das historias. Primeiro, parece ser, modificando sutilmente os guións que lle chegaban (de McKenzie, de O’Neill, de Micheleine); despois, gañando para si o posto de guionista.

Aí comeza propriamente o labor de fondo de Miller, coincidindo co segundo tomo, Elektra (Panini, 2008). Fai retroceder ós antagonistas clásicamente superheroicos ós que Daredevil viña de se enfrontar (Hulk, Octopus), recupera a Bullseye, chamado a convertirse no xemelgo malvado do heroe, e dase entrada a Elektra, a muller que transformaría a súa faceta sentimental. É o exceso de congruencia proprio das análises a posteriori o que permite apreciar dende o momento inicial o sentido e a profundidade duns cambios que, en tempo real, transcurriron máis sutil e lentamente. En calquera caso, Miller comezou a deixar a súa pegada dende o seu primeiro momento na serie e, o que é máis importante, conseguiu que a súa visión do personaxe sobrevivise á súa permanencia na cabeceira. O Matt Murdock e o Daredevil actuais son no esencial os que Miller canonizou, no que supuxo o rescate dun personaxe cuxa indefinición ata entón podería terlle deparado un futuro incerto.

E o mellor desta etapa ainda está por chegar.

Ningún comentario: