sábado, xuño 28, 2008

A revolución dos pinceis



Disque a reflexión dun medio sobre si é a antesala ou mesmo o síntoma primeiro da súa decadencia. Pode ser, pero á literatura e ó cinema tenlles dado froitos ben apetecibles e o cómic non ten por que ser unha excepción. O primeiro que chama a atención de A revolución dos pinceis (Dolmen, 2008) é a orixinalidade da súa proposta. Josep Busquet e Pere Mejan plantexan unha reflexión sobre o oficio de facer cómics pero, lonxe de presentalo dende a súa cotidianeidade, constrúen unha peculiar ucronía na que as arelas de liberdade de expresión e respecto á creación artística dos autores de cómic funcionan como xermolo do movemento revolucionario na Francia do XVIII. Trátase dunha aposta arriscada que lles permite ós autores tomar unha certa distancia e ofrecer algo máis que unha mera acumulación de experiencias persoais. É ese outro aspecto a agradecer, o feito de que ainda que a trama incorpore episodios ou personaxes identificables con referentes reais, os autores optan por non convertir a historia nun simple xogo referencial ou nunha sucesión de chiscos ó lector ou de mensaxes soterradas dirixidas a xente do mundiño.

Pero non todo son acertos. Se o plantexamento da obra me parece máis que correcto, penso que o seu desenvolvemento e desenlace deixan bastante que desexar. Sendo como é a relación entre creador e editor o eixo sobre o que xira a trama, a descripción que da mesma fan os autores semella calquera cousa menos equilibrada. Lonxe de retratar as contradiccións proprias da súa dialéctica e da frecuente contraposición dos seus intereses, os autores optan por construir un conto de bos e malos, no que os creadores se nos presentan coma seres íntegros, moralmente inmaculados e socialmente imprescindibles, mentres os editores se nos amosan coma seres mesquiños, explotadores e violentos. Busquet e Mejan ou ben non conciben a liberdade artística coma un dereito limitado (que o é, coma todos os dereitos) ou non confían abondo no lector para presentarllo como tal. A súa defensa do labor dos artistas e da imprescindible función social que desenvolven excede os límites do idealismo e cae na retórica e nun maniqueísmo que estraga os seus bos propósitos e resulta finalmente contraproducente.

Busquet é un escritor veterano e esta obra demostra a súa capacidade para plantexar argumentos suxestivos; pola súa banda, o labor gráfico de Mejan é irreprochable. Penso que é lícito esixirlle máis a dous autores tan competentes.

Ningún comentario: