sexta-feira, outubro 24, 2008

Fun home



Fun home (Mondadori, 2008) de Alison Bechdel recibiu, tras a súa publicación no noso país, unha marea de loubanzas que apenas deixou espazo para algunha escasa, aínda que significativa, voz disonante. Adoito a darlle certo creto a estas disidencias cando, como é o caso, proveñen de voces mínimamente autorizadas, mais neste caso só podo sumarme á corrente principal: Fun home paréceme unha obra magnífica dende calquera punto de vista.

Un dos aspectos que se ten criticado da obra de Bechdel é a peculiar relación entre texto e imaxe. É certo que en Fun home son as imaxes as que se acompasan ao texto escrito que, nunha inversión da tradicional relación de forzas entre ambos, é o que conduce a narración. Orabén, unha cousa é que esta opción resulte pouco usual en banda deseñada e outra ben distinta que deba interpretarse como un mal uso dos recursos da BD e que a obra esté máis próxima á literatura ilustrada que á narrativa gráfica. Pola contra, calquera lector atento poderá constatar que a imaxe non só non resulta redundante co texto, senón que aporta a súa información de xeito que, como resulta propio do medio, a narración é o resultado da xustaposición dunha e outro.

Por outra banda, non se pode separar a preeminencia do texto e a preminencia do eu no relato. Dito doutro xeito, a importancia da palabra escrita deriva directamente do carácter autobiográfico da obra, que é, polo tanto expresión dunha subxectividade que reclama a exposición detallada de opinións, pensamentos, sensacións, etc., algo que a imaxe gráfica difícilmente pode expresar por si soa. A imaxe obxectiva, amosa conductas externas. De aí que, en non poucas ocasións, Bechdel a utilice para destacar incongruencias típicamente humanas entre pensamento (revelado verbalmente) e comportamento (rexistrado gráficamente).

Igualmente, as abundantes mencións literarias téñense interpretado como un certo exhibicionismo da autora, que estaría a facer ostentación gratuita e autocompracente do seu nivel cultural. Tampouco comparto este punto de vista. Lonxe de posuiren un carácter meramente ornamental, as referencias literarias forman parte esencial da construcción do relato e aparecen harmoniosamente integradas nel. Bechdel válese dos clásicos de Joyce, Wilde, Colette e Fitzgerald para se explicar a si mesma e a súa vivencia. Non hai nin cita erudita nin apelación á autoridade, senón o establecemento de paralelismos e semellanzas na procura dun espazo literario compartido entre autora e lector que permita unha mellor comprensión do narrado. De feito, os textos escollidos son, ata certo punto, arbitrarios: a autora podería ter recurrido a outros xa que non é de literatura, senón de si mesma, do que está a falar.

Pero non se trata de defender esta obra dunhas críticas que ben pode afrontar por si mesma, senón especialmente de destacar as súas virtudes. Bechdel fai de si e da súa familia materia narrativa sen caer en narcisismos nin excesos dramáticos, construindo un relato no que destaca a autenticidade duns personaxes perfectamente perfilados. De feito, diríase que máis que a historia da propia autora, Fun home é o testemuño da súa relación co seu pai e da influenza que, ás veces ao seu pesar, este tivo no seu desenvolvemento persoal.

Como apuntaba ao inicio, o mellor que podo dicir de Fun home é que todo o que de bo lin sobre ela resultaba ser certo. E que non comparto o pouco que de malo se ten escrito sobre ela.

2 comentários:

Cau disse...

A min encantoume. Do mellor que teño lido este ano en BD.

Ollo de Vidro disse...

Xa bves que coincidimos. Graciñas pola visita.