luns, novembro 24, 2008

A perdida



Carla, a protagonista de A perdida (Astiberri, 2006) de Jessica Abel, é unha norteamericana que marcha a vivir a México, terra de orixe do seu pai. Desenganada co seu proprio país, Carla non pretende facer turismo senón converterse en mexicana: aprender español, mergullarse na cultura azteca, ficar a vivir. A primeira metade do libro céntrase nas dificultades desta pretensión e faino utilizando a dous personaxes como contraste. Un é Harry, ex-mozo de Carla para o que México é só o escenario axeitado para levar unha vida bohemia. O seu é un achegamento superficial, unha pretenciosa imitación das experiencias literarias de Burroughs nos anos 50. O outro é Memo, un mexicano de verborrea revolucionaria que se encastela na súa condición de oprimido e acusa a Carla de ser unha turista imperialista con mala conciencia.

O proxecto de Carla é indiscutiblemente inxenuo: négase a estar determinada pola cultura na que medrou, baséase nun pretexto biolóxico (a nacionalidade do seu pai) para porfiar na posibilidade de cambio, leva a cabo unha primeira achega folclorizante (roupas, peiteado, devoción por Frida Kahlo) para descubrir, tras unha denodada inmersión, que son os demáis os que nunca a recoñecerán como mexicana. Resulta moito máis viable, polo seu carácter superficial e estético, a aventura de Harry. No que atinxe a Memo, non deixa de ser significativo que module a súa rebeldía antiimperialista (perfectamente inoperante, por outra banda) á hora de tentar deitarse coas turistas. A reivindicación de si mesmo como espíritu do México combativo non deixa de ser, seica, un truco publicitario: Memo ofrécese como experiencia xenuinamente mexicana a cambio dun pouco sexo. Ou se cadra o que pretende é someter (montar) ao invasor.

O que na primeira metade da obra é teoría tradúcese en práctica violenta na segunda. O secuestro de Harry transforma a narración nun relato de suspense en cuxo fondo latexan os mesmos dilemas, abrindo un proceso que vén a demostrar que, malia a súa entrega, Carla é e foi sempre unha estranxeira en México, tanto como o seu ex.

4 comentarios:

Begoña dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Begoña dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Begoña dixo...

Pareceume irregular. O ex-noivo cabreado que non pasa de caricatura, a insistencia nalgunhas escenas (Memo antiimperialista, Memo ligón) fíxoma un pouco tediosa. Gustoume máis a segunda parte que a primeira.

Ollo de Vidro dixo...

A min resultoume estraña, especialmente por ese cambio tan abrupto cara a metade. E coido que lle sobra extensión.