terça-feira, novembro 11, 2008

RG: Bangkok-Belleville



A revitalización recente do xénero negro na BD é un feito que admite poucas dúbidas, especialmente nos arredores do mainstream norteamericano: a deriva última de Frank Miller, a irrupción de escritores como Ed Brubaker ou a reinvención do cómic comercial mediante a mistura de xéneros así o demostran. Se algo demostra a serie RG é que hai vida para as historias policiais máis aló dos exercicios de xénero. Pierre Dragon e Frederik Peeters encetan un relato que participa das estructuras do xénero negro e recolle moitos dos seus lugares comúns pero, dun xeito que só pode ser deliberado, optan por darlle un acabado que non se asenta no diálogo coa tradición do mesmo. Non hai nin referencias, nin revisión, nin ironía. A resolución de Peeters e Dragón é plenamente contemporánea pero está concebida para ser afrontada directamente, sen reviravoltas irónicas. É dura e ríspeta, pero non podería cualificarse de crepuscular. Aceptando que o escritor Dragon sexa un policía de verdade (o misterio con que aparece nas capas é comprensible, pero dá para desconfiar), podería pensarse que é o realismo do relato, a súa suposta veracidade, o que o alonxa dos mecanismos de xénero. Porén, eu prefiro pensar que se é así é pola simple vontade dos autores, que buscan unha outra maneira de contar unha historia policial.

Bangkok-Belleville (Astiberri, 2008), segundo volume da serie mellora sen dúbida ao anterior. Prescinde da necesidade de presentar aos personaxes o que lle permite afondar na súa definición. Cun perfecto aproveitamento do espacio, os autores establecen e resolven unha trama policial ao tempo que exploran os diferentes lazos afectivos do protagonista.

Pero o que destaca por riba de todo é a mestría gráfica de Peeters, cuxo traballo neste volume debería ser ensinado nas escolas de arte como exemplo de pulcritude narrativa, dominio da cor e variedade de recursos. As súas páxinas son non só unha demostración de xenialidade, senón tamén dunha contención que elude calquera lucimento persoal en beneficio das necesidades do relato. Peeters demostra, ademáis, que non só está dotado para a narración intimista (Pílulas azuis, Lupus), senón tamén e en igual medida, para o relato de acción. Agardamos impacientes o terceiro tomo.

Entradas relacionadas – RG
RG: Riyad-Sur-Seine

Entradas relacionadas – Frederik Peeters
Pílulas azuis

Sem comentários: