domingo, dezembro 28, 2008

The Umbrella Academy: Apocalypse suite



The Umbrella Academy, o fugaz pastiche pop imaxinado por Gerard Way, preséntase coma unha morea de tópicos coroada por virtudes tan estimables como a inmediatez e a coherencia. Xa no primeiro capítulo do arco argumental que inaugura a serie, Apocalypse suite (Dark Horse, 2008), fican presentados os personaxes, o escenario e o ton da cabeceira. Todo cabe: superheroes, fantasía, terror, pulp, ficción científica… De aí en adiante a trama flúe a borbotóns, nun desenfadado festival de acción, imaxinación e clixés de culebrón. Se a execución e o ritmo son impecables, non é menos certo que os recursos dos que o autor bota man son o estereotipo e a renuncia a calquera orixinalidade que non sexa superficial. Cando a trama chega á súa conclusión case todas as posibilidades da serie parecen esgotadas: o irmán desaparecido apareceu; a irmá marxinada cumpriu o seu destino; as combinacións románticas ficaron reveladas; tan só permanece un misterio, a morte do irmán 00.06, o lovecraftiano Horror. Seguindo a máxima punk, The Umbrella Academy vive apresa, morre axiña e deixa un bonito cadáver. O debuxante Gabriel Bá, cruce de camiños entre Mike Mignola e a escola Cartoon Network, acompaña con eficacia. O colorista Dave Stewart tamén.

Sem comentários: