segunda-feira, dezembro 15, 2008

Point blank



Semella imposible achegarse a Point blank (Norma, 2006) sen entrar en pouco favorecedoras comparacións con Sleeper. Point blank é, efectivamente, a miniserie que deu lugar a Sleeper. Dela, da súa resolución, xurde o que constituiría o leit motiv argumental de Sleeper: a complicada situación do infiltrado nunha organización criminal que fica abandonado á súa sorte. E non só iso. Co exceso de congruencia que posibilitan as lecturas a posteriori podemos entender Point blank coma un ensaio xeral, o episodio piloto onde se propoñen, sen explorarse debidamente, unha serie de posibilidades que serían desenvolvidas máis tarde, baixo outra cabeceira. Semella, xa que logo, que calquera consideración que podamos facer verbo desta obra parte da súa subordinación á serie que a sucedería. Velaí a súa febleza, mais velaí tamén o seu maior punto de interese.

É en Point blank onde Ed Brubaker comeza a experimentar coa mestura de xéneros que explotaría posteriormente con grande éxito creativo. O antiheroe do xénero negro, versión distorsionada (humana, falible, de moral máis complexa) do heroe detectivesco, válelle para humanizar á figura do superheroe. E así, Grifter, ata entón unha torpe actualización do superheroe Marvel en clave noventeira, preséntasenos como Cole Cash, sen poñer o uniforme, sen usar os seus superpoderes e coas ideas menos claras que nunca. Os tópicos superheroicos son apenas un adobío folclórico nunha ambientación inequívocamente noir, na que heroes e villanos apenas poden distinguirse. A cantina sustitúe á cova secreta; os tiros ao intercambio de raios cósmicos; mesmo aparece un amago de muller fatal. Brubaker abre e pecha unha trama de curto alcance que, porén, deixa as pezas situadas no taboleiro para a súa magnífica continuación. É inevitable, voltamos a Sleeper. Tampouco o debuxante, Colin Wilson, que cumple con discreción, está á altura da sutil xenialidade de Sean Phillips. Guionista, debuxante, personaxes, trama, solución; todo está a apenas un paso da excelencia.

Entradas relacionadas – Sleeper
Sleeper: Á súa sorte
Sleeper: Todo é mentira - Unha liña borrosa
Sleeper: O longo camiño a casa

Entradas relacionadas – Ed Brubaker

Sem comentários: