xoves, agosto 19, 2010

O destino do artista



Na capa de O destino do artista (Astiberri, 2010) atopamos o rostro do autor, Eddie Campbell, construido a partir de retallos da propia obra. Se iso non fose abondo metafórico, a contracapa amosa que o retrato non é real, tridimensional, verdadeiro, senón un cartel, é dicir, artificio. Campbell expón a obvia impostura sobre a que se sostén calquera relato e que autor e lector finxen ignorar: o retrato non é a persoa (a cachimba non é unha cachimba), ningún relato é verdadeiro, todo é ficción, construción, representación. Na obra lemos, en referencia ao escritor John Gay: “su tema principal es el caos tras la fachada; el desorden total”. O xogo capa-contracapa revela ao autor como fachada. E o caos? No interior.

O de Campbell é reflexión disfrazada de comedia ou se cadra é só comedia con ínfulas. Probablemente non sexa nin o un nin o outro porque no fondo non é nada senón apariencia de algo. Son tantas as capas de ironía que cobren o relato que resulta complicado aventurar as pretensións dun autor que dá noticia da súa propia desaparición. Para que se observe a contradición, por outra banda perfectamente coherente dentro da súa palmaria falta de lóxica, insistimos: é o autor quen dá noticia da súa propia desaparición. Recurre para anuncialo a unha polifonía caótica na que todos (muller, filla e coñecidos) falan do artista por boca deste ou ao revés, este por boca deles. Poderiamos concluir que autor e artista non son unha mesma cousa, que o artista é o disfraz do autor, que aquel desapareceu e este nolo conta. Pero iso implicaría concebir a obra coma un xeroglífico cunha única solución correcta, algo que si parece alonxado dos desexos do autor/artista. O destino do artista é ante todo un xogo e, como tal, cíclico, repetitivo, improdutivo, irresoluble.

Cuestiona a Scott McCloud, a quen cita veladamente (“así que si [Eddie Campbell, o artista] leía que alguien decía categóricamente que un cómic tiene que tener más de una imagen o no es un cómic… No te puedes imaginar. Eso era algo grave. “Malditos definidores –decía-, que les den por culo a todos”. Se reservaba el derecho a dibujar un cómic con un solo dibujo si le apetecía”) e ao que apón a súa propia obra, unha mistura de cómic máis ou menos convencional con relato ilustrado, fotonovela ou simple ilustración. Intencionadamente ou non, o seu abafante narcisismo interpela á recente vitalidade da autobiografía na BD. Interpretalo como unha crítica ou como unha xustificación probablemente responda á necesidade de simplificar un discurso desacougante precisamente pola súa falta de obxectivos explícitos.

O destino do artista é unha viaxe estraña pero en certa medida amable, como as tiras de xornal (fake, claro) de Cielito (Honeybee no orixinal, Ruliño/a en galego?) ou desa cociñeira perpetuamente alporizada. Máis amable aínda se comparamos as súas delicadas acuarelas co feroz branco e negro de From hell, a obra máis coñecida de Campbell e, para moitos, a única referencia dun artista do que, semella, axiña veremos publicadas máis obras.

Ningún comentario: