martes, novembro 09, 2010

Asasinato no Consello Nacional



Un dos problemas que ten a literatura galega é que toda obra que acada unha certa sona parece destinada a ser xulgada non polo seu propio valor senón polo papel que está chamada a xogar dentro do noso sistema literario. A Diego Ameixeiras abondoulle cunha expresión sucinta do argumento da súa nova novela (a investigación do asasinato dun parlamentario do BNG nas semanas seguintes á caída electoral do bipartito), para conseguir algo tan complicado como chamar a atención do público (a obra esgotou a súa primeira edición en apenas un mes) e dunha prensa pouco proclive a adicar espacio á literatura en xeral e á galega en particular. Sería tan inxusto cargar a Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010) coa obriga de ter que gañar novos lectores para a literatura galega coma reducir a súa valoración á medida en que cumpra ese “fin superior”, especialmente se consideramos que, lonxe de estarmos perante un caso de oportunismo, a novela recolle as claves literarias de Ameixeiras e resulta plenamente coherente no contexto da súa obra.

As tramas policiais non lle resultan estrañas a Ameixeiras, por outra banda, guionista da serie da TVG Matalobos. As súas dúas primeiras novelas, Baixo mínimos e O cidadán do mes, plantexaban senllas intrigas criminais cunha importante compoñente política, ao tempo que introducían a figura do detective Horacio Dopico. Ambas transcurrían na Galicia dun universo paralelo, na que o espectro político oscila entre o populista Partido Estatutario no poder e o independentismo violento (e localista?) do GIA. É esa pertenza a unha realidade alternativa a que parece xustificar que Ameixeiras prescinda agora de Dopico, que aínda así asoma no primeiro capítulo de Asasinato… reconvertido en inspector da SGAE, e introduza a un novo investigador, Alberte Cudeiro, cando ambos resultan, no esencial, intercambiables: varóns, solteiros, orixinarios de Oregón/Ourense, aproximadamente da mesma idade e cunha psicoloxía e unha retranca indiferenciables. Que Cudeiro sexa un ex–antiglobalización reconvertido en místico, amante das infusións e da comida vexetariana, e Dopico un simple crápula, constitúe apenas unha diferencia epidérmica que os aproxima máis do que os alonxa. Cudeiro é un Dopico rehabilitado.

Outra constante da escrita de Ameixeiras tamén presente en Asasinato… son as chiscadelas xeracionais, referencias musicais e cinematográficas que serven tanto para cruzar un cobadazo cómplice co lector como para darlle adubo aos personaxes. Atopámolas nas novelas de Dopico e tamén na recente Dime algo sucio, aínda que é en Tres segundos de memoria (mates de Sabonis) onde alcanzan o paroxismo. O autor xoga desta volta con algunhas bandas norteamericanas especialmente activas nos 90 (Sonic Youth, Fugazi, Mudhoney), o que lle permite apuntar á cidade de Seattle coma capital do rock alternativo noventeiro e posterior berce das correntes altermundistas das que participou Cudeiro.

Mais sería errado considerar esta obra coma unha simple repetición dos tópicos literarios do autor. De feito, sería máis exacto entender que estamos perante unha reorganización do seu universo, que retoma o material previo pero o conduce cara novos fins. É unha obviedade sinalar que hai nesta novela unha vontade de reflexionar sobre o escenario político que derivou das últimas eleccións autonómicas, o que nos sitúa nun plano de realidade ata agora inédito na súa obra e que obriga a introducir cambios na súa escrita. A ollada deformante das novelas de Dopico atenúase (sen desaparecer) e o mesmo acontece co humor retranqueiro daquelas obras e de Tres segundos de memoria. Ademáis, por unha lóxica esixencia da narración, Ameixeiras creba o círculo de Oregón/Ourense, o territorio literario no que ambientara as súas novelas precedentes, para trasladar a acción á capital de Galicia. E aínda que concentrada nun suceso histórico determinado, resultaría enganoso pensar que Asasinato… é unha novela meramente conxuntural, como tampouco o era a súa inspiración lonxana. Haberá quen se achegue a ela coa intención de disfrutar dunha intriga criminal e haberá tamén quen queira xogar ao quen é quen, algo que Ameixeiras fomenta representando aos diversos políticos moi de acordo co seu personaxe público. Mais o lector que goste, ten tamén ao seu dispor unha reflexión sobre as orixes e a traxectoria posterior da principal forza nacionalista galega da actualidade, sobre a súa coñecida e complicada dialéctica interna e tamén sobre a imaxe que do partido proxectan os medios de comunicación. No fondo albíscase o retrato da sociedade que crea, explica e, en certa medida, é tamén transformada por ese entramado político, institucional e social.

Asasinato no Consello Nacional marca unha inflexión interesante na traxectoria de Ameixeiras. Dado o improbable de que recunque cunha novela similar e considerando ademáis a sutil distancia que marcaba Dime algo sucio coa súa obra previa, é complicado aventurar cara onde se dirixirá agora. Por outra banda, asistimos tamén a un encontro co grande público que está por ver en que medida conserva. En calquera caso, a obra sitúa en primeiro plano a un escritor que levaba tempo petando na porta.

Ningún comentario: