martes, novembro 02, 2010

Daredevil: Born again



Poucas cousas poden dicirse a estas alturas do Daredevil: Born again (Panini, 2010) de Frank Miller e David Mazzuchelli. Poucas porque, tratándose dunha obra de referencia na evolución do xénero superheroico, ten sido analizada cuantiosamente dende a súa publicación orixinal, a mediados dos 80; mais tamén poucas porque, en contraste co que acontece con outras obras que xogaron un papel semellante (Watchmen, Dark Knight ou Batman Ano I, por non alonxarnos demasiado), estamos ante un relato sinxelo e cuxo interese reside antes na adaptación á mitoloxía superheroica dun argumento clásico (dos que Balló denominaría "universais") que no concreto desenvolvemento da historia na cabeceira de Daredevil.

Penso que non descubro nada se digo que o argumento de Born again recolle unha historia arquetípica sobre morte e resurrección, na que a figura heroica debe perdelo todo (absolutamente todo) para renacer e seguir adiante. Dende ese punto de vista, a obra insírese nunha tradición que ten un exemplo moi evidente na historia de Xesucristo (e de feito, a obra ostenta unha símboloxía explícitamente cristiá) pero que se remonta a tradicións literarias e culturais previas. O éxito de Miller foi o de presentar unha narración que tampouco era exactamente allea aos universos superheroicos cun grao de crueza ata entón inédito e valéndose, sen forzar no máis mínimo, dos elementos dun escenario que coñecía perfectamente. Miller outorga a cada personaxe un papel coherente coa súa traxectoria previa, reservando a Kingpin a condición de némese absoluta do heroe, condición á que el mesmo o elevara paulatinamente dende que se fixera cargo dos guións da serie en 1981. Esta coherencia non impide que asuma riscos, coma a de relatar as sucesivas traizóns a Matt Murdock de Karen Page, Foggy Nelson e Glorianna O'Breen. Na mesma liña, a demencia do heroe preséntasenos con grande patetismo, pero sobretodo, prolóngase por un tempo excesivo de acordo cos estándares do tebeo superheroico da época. No seu tránsito cara o útero paterno do que naceu (o ximnasio do seu pai, lembremos que ata esta obra a figura da nai do heroe estaba prácticamente ausente), combate a súa propia tolemia (o inimigo interior), morre e resucita da man... de Deus? da súa nai? as dúas cousas? Recuperado o eu, Murdock debe restaurar tamén o seu alter ego, no que constitúe un dos episodios máis forzados da saga: que Kingpin solte a un psicópata descoñecido vestido de Daredevil non parece ter outra finalidade que a de escenificar a loita das dúas caras da moeda.

Mención aparte merece a entrada en escena de Nuke, primeiro inimigo que Daredevil debe confrontar como tal dende o seu renacemento. O interesante do personaxe, dende unha perspectiva actual, non é tanto que semelle ser unha versión distorsionada do heroe ex-combatente de Vietnam que daquela se atopaba no cénit da súa popularidade (pénsese que tanto Rambo 2 coma a serie de animación do personaxe -!!!- datan de 1986, ano no que se publica Born again), senón que sexa precisamente Frank Miller, o Frank Miller que hoxe coñecemos coma unha caste de redneck fóra de control, quen levase a cabo o que só pode interpretarse coma unha crítica fronte este tipo de ficcións bélicas.

Xa que logo, Miller define, reorganiza e deixa a cabeceira nun punto no que, como sinala acertadamente Santiago García no epílogo da presente edición de Panini, calquera continuación resulta innecesaria. E de feito, a etapa de Miller no seu conxunto e este colofón final fixan a versión do personaxe vixente aínda hoxe.

No que atinxe ao labor de David Mazzuchelli, a obra permítenos asisitir a un proceso de liberación do seu estilo que fai que o debuxo dos últimos capítulos sexa máis persoal e alonxado do canon superheroico que o dos primeiros, non digamos xa dos seus números previos na cabeceira. E iso que en todo o traxecto Mazzuchelli parece servirse do manual de estilo de Miller, plantexando as súas páxinas dun xeito deliberadamente semellante a como o escritor o facía cando era tamén debuxante da serie. Coñecendo a súa traxectoria posterior, podemos afirmar que en Born again asoma, por vez primeira, o artista que ilustraría Batman Ano I e que, máis adiante, abandonaría o rexistro superheroico e o mainstream norteamericano para emprender proxectos doutra natureza.

Atopámonos, xa que logo, perante unha obra que acumula motivos para merecer unha presencia constante nos andeis das librarías, polo que celebramos a recente e moi digna reedición de Panini, que engade un prescindible capítulo previo xustificándose en que nel colaboran por vez primeira os dous artífices da obra, e redondea o produto con bosquexos de Mazzuchelli e dous interesantes artigos a cargo do mencionado Santiago García e David Fernández.

Ningún comentario: